Carmen R. Dacosta acusa ao goberno galego de “dilapidar o dereito á información independente, obxectiva e plural” cunha CRTVG “ao servizo dos intereses electorais do PP”, que compara coas “ditaduras que censuran, que limitan, que controlan e afogan”
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamou hoxe a retirada da Lei de Medios Públicos que está a elaborar a Xunta porque “reduce a independencia xornalística ata límites nunca vistos”. Así o dixo no debate dunha Interpelación no Pleno do Parlamento sobre esta iniciativa que, dixo, busca deseñar unha CRTVG “ao servizo dos intereses electorais do PP”.
A responsable socialista advertiu que a Lei de Medios Públicos “dilapida o dereito á información independente, obxectiva e plural”, propia das “ditaduras que censuran, que limitan, que controlan e afogan” e constitúen “o valado que impide avanzar e construír unha sociedade libre, democrática e plural”. Criticou que busquen dotar ao seu partido do “control absoluto dos medios públicos”, e “borrar dun plumazo calquera participación profesional que non siga as pautas editoriais do PP”.
Criticou esta “fraude” que, engadiu, reduce a independencia xornalística “ata límites nunca vistos”, ignorando as directrices estatais e do Regulamento europeo que advirte dos riscos de “inxerencia política na liña editorial” ou na gobernanza dos medios públicos “cando non existen salvagardas ou estas son insuficientes”. Ademais suporá un retroceso no dereito da cidadanía a recibir información local veraz e obxectiva, abrindo a porta á externalización dos informativos.
Dacosta alertou de que a día de hoxe a CRTVG continúa sen crear o Estatuto Profesional ou o Consello de informativos como órgano interno de participación dos traballadores e traballadoras do ente, pero si que prevén a creación dun Consello Asesor de 15 membros, todos eles “elixidos por organismos controlados polo PP”. Ao mesmo tempo, frea a difusión e promoción da lingua galega, ao permitir a elaboración de contidos en castelán e outros idiomas.
A parlamentaria socialista lamenta que o texto non teña incorporado as propostas do Colexio de Xornalistas de Galicia, das asociacións periodísticas nacionais, dos traballadores da CRTVG, os sindicatos, partidos políticos nin de outros colectivos sociais vencellados á cultura e a lingua glaegas.
Apuntou que “tódolos camiños do PP semellan conducir ao mesmo lugar: a beneficiar con cartos públicos aos intereses privados e políticos do PP e dos seus amigos”, e lembrou a polémica decisión de externalizar o programa da tarde, mudando o histórico “A Revista” polo un novo programa “O Termómetro”, para “lucrar a unha ex asesora de M. Rajoy”.
Esta decisión derivou nunha folga indefinida dos traballadores e traballadoras do ente, que se suma aos xa 335 venres negros de protesta contra o uso do medio como “instrumento ao servizo do poder” e o “maltrato e desprezo ao persoal da compañía”.