O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, advertiu hoxe que “o único que cabe de forma sensata” dende o Parlamento e fronte á invasión de Ucraína por Rusia é “apoiar aos organismos internacionais, á UE e á OTAN, e ao goberno de España dentro das accións coordinadas co resto de institucións”.
O responsable socialista sinalou que “a realidade é que hai unha invasión a un terceiro país” por parte de Rusia en contra da legalidade internacional, e “diante diso só cabe unha resposta contundente, non cabe ningún tipo de medias tintas”. Sinalou que neste momento a invasión de Ucraína está a costarlle a vida a moitos cidadáns daquel país situado “na fronteira de Europa”.
Así o dixo logo de que o BNG anunciara o rexeitamento da proposta de Declaración Institucional presentada hoxe polos socialistas e o Grupo Popular, e que reproducimos a continuación:
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DE CONDENA DA INVASIÓN RUSA SOBRE UCRAÍNA
O Parlamento de Galicia condena enerxicamente a agresión de Rusia a Ucraína, rexeitando totalmente a invasión das forzas militares rusas e esixindo a súa inmediata retirada. Esta agresión supón unha flagrante violación do Dereito Internacional e contra a soberanía e a integridade territorial de terceiros países. Así mesmo, o Parlamento de Galicia expresa a súa absoluta solidariedade co pobo ucraíno.
Este Parlamento manifestase ao carón do Goberno de España e da Unión Europea reivindicando a legalidade internacional e o restablecemento inmediato da paz, tendo como guía nesta crise os principios e valores democráticos que compartimos con Europa. Expresamos o mais firme compromiso deste Parlamento coa defensa dos principios da democracia, o estado de dereito e a protección dos dereitos fundamentais contemplados no Preámbulo do Tratado de constitución da Alianza do Atlántico Norte e no da Constitución da Unión Europea. Así mesmo este Parlamento apoia a labor que as Forzas Armadas españolas están a desenvolver para garantir a paz e a integridade territorial nos países europeos.
Finalmente, apoiamos á Unión Europea para que se interpoñan as sancións precisas co fin de que se poña fin o conflito ante estes feitos tan graves que ameazan a paz e as liberdades e dereitos fundamentais dos cidadáns ucraínos. E apoiamos á Unión Europea para que se interpoñan as sancións precisas co fin de que poidan ter algún tipo de efecto no goberno ruso de Vladimir Putin.
O Parlamento de Galicia apoia que se realicen todos os esforzos necesarios para mobilizar recursos a fin de acoller a refuxiados provenientes do conflito de Ucraína.