O PP votou en contra do protocolo de evacuación de positivos, así como de aumentar recursos humanos nos centros residenciais e nos equipos de inspección
Marina Ortega lamenta que agora, “con máis medios de protección, capacidade de testar e recursos, temos unha situación aínda máis preocupante que durante a primeira onda”
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, propuxo un plan de emerxencia para a prevención nos centros de atención residencial e instou á Xunta a actuar “de inmediato”. Fíxoo no Pleno do Parlamento trala presentación dunha moción socialista, na que o PP votou en contra do protocolo de evacuación de positivos, así como de aumentar recursos humanos nos centros residenciais e nos equipos de inspección.
Ortega lamentou que nesta segunda onda, “con máis medios de protección, capacidade de testar e recursos, temos unha situación aínda máis preocupante que durante a primeira”. Así, considerou como “intolerable” que existan “contaxios abruptos e masivos”, que supoñen que nun centro “aparezan de golpe máis de cen positivos”, como en Pereiro de Aguiar ou Mos. A socialista incidiu que a Xunta “debe deixar a guerra, facer autocrítica, asumir as propostas da oposición e pórse a traballar”.
“Actúen de inmediato, por favor”, instou ao goberno galego. Ademais, recalcou que a Xunta debe “cambiar o que non funciona” cando “os protocolos non están a ofrecer os resultados desexados”. A socialista subliñou a necesidade de “extremar os protocolos” baseándose na prevención e, “o máis importante, facendo un cortalume onde aparecen positivos”.
PROPOSTAS SOCIALISTAS
Neste senso, instou á Xunta a elaborar un plan específico de evacuación que permita a todas as persoas residentes que resulten positivas na covid a ser trasladadas, ao coñecer o resultado, “a un centro intermedio para persoas que non precisen hospitalización ou ingreso”. Ademais, esixiu incrementar “urxentemente e de maneira significativa” o número de inspeccións a centros de atención residencial para maiores.
Ortega urxiu á Consellería a informar dos criterios que definen a tutela que exerce en todos os centros de atención asistencial de maiores, así como a achegar a diario datos concretos e a porcentaxe de afectación en centros de atención residencial.
Por último, a responsable socialista instou a fomentar a contratación de recursos humanos nas residencias “para atender con dignidade aos nosos maiores” cando estamos “ante unha situación límite para moitos centros”. Así, sinalou que a Xunta “tendo as competencias, non debera consentir determinadas situacións”.