Leticia Gallego critica o desleixo da Xunta en materia de Innovación, situando a Galicia “á cola de España”, por debaixo dos competidores do Norte de Portugal
A portavoz de I+D+i do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle hoxe á Xunta que aumente o investimento en Innovación nun 0,4 por cento para situarse na media estatal e “aproximarse ao obxectivo do 3 por cento do PIB”. A responsable socialista criticou a falla de compromiso do goberno galego coa I+D+i na comparecencia da directora da Axencia Galega de Innovación -Gain- hoxe no Parlamento.
A responsable socialista criticou a falla de interese do goberno galego en materia de innovación, cando no ano 2022 executou menos da metade do programa sobre o Plan galego de I+D, logo de reducirlle o orzamento e 58 millóns de euros. Advertiu que o desleixo do goberno galego ten situado a Galicia na cola de España, como a sexta autonomía menos innovadora, por debaixo dos seus competidores, como o Norte de Portugal.
Gallego esixiulle ao goberno galego que “aumente máis o investimento público, necesario tanto en ciencia como en innovación”, e “reforzando as políticas públicas de transferencia de coñecemento e innovación empresarial, con especial atención ás Pemes”.
Advertiu que o gasto en innovación “concéntrase cada vez máis nas grandes empresas en Galicia”, xa que “o Programa Bonos Innovación, nin o Programa InnovaPeme 2022, con 2,8 millóns de euros, son absolutamente insuficientes” para impulsar ás 15.000 pequenas e medianas empresas rexistradas en Galicia. Explicou que a “falla de esforzo” por parte do goberno galego provoca “unha debilidade que ten que solucionar o goberno do PP”.
A parlamentaria socialista sinalou que “os socialistas cremos imprescindible que o goberno de Rueda faga un maior esforzo por estar na vangarda da innovación e para así ter unha economía moderna á altura de Europa”.