Begoña Rodríguez Rumbo lamenta que Rueda “carece de proxecto de país” e exerce “sometido ás propostas e ocorrencias da presidenta de Madrid”
O Parlamento aproba unha proposta de resolución do Grupo Socialista sobre a situación de Palestina
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, defendeu o proxecto do PSdeG para a defensa dos servizos públicos e o impulso dos sectores produtivos e o emprego a través das 40 Propostas de Resolución presentadas polo Grupo Socialista no Debate do Estado da Autonomía. O debate rematou hoxe coa aprobación dunha transacción sobre a proposta do Grupo socialista sobre Palestina.
A responsable socialista, que comezou a intervención trasladando as condolencias polo incendio de Vigo no que faleceron catro persoas, tres delas menores de idade, defendeu a proposta alternativa do PSdeG fronte a un Rueda que presentou “un discurso baleiro e sen proxecto de país”, preocupado unicamente por criticar ao Estado e defender a Feijóo antes de mellorar a vida das persoas e dos sectores produtivos.
Sinalou que os “nervios” de Rueda evidencian o “seu nulo peso en España e na UE”, e que continúa “sometido a Feijóo, e ambos sometidos ás propostas e ocorrencias da presidenta de Madrid”. Afeoulle a campaña para “percorrer Galicia nun bus invitando a cañas porque logo de ano e medio como presidente non o coñece ninguén”, xa que “non se preocupou de percorrer Galicia para ver as necesidades dos galegos e galegas e propoñer medidas para solucionalas”.
Rodríguez Rumbo defendeu as iniciativas presentadas polo Grupo Socialista “para mellorar a vida das persoas, protexendo ás familias, a redistribución da riqueza e dos recursos públicos e na busca da igualdade real e efectiva”. Reivindicou a cohesión social e territorial e a defensa dunha sanidade e unha educación universal, gratuítas e de calidade, así como da política social, a atención aos maiores e á xuventude e do lado dos concellos “esquecidos nas propostas do PP”.
Defendeu unha ova planificación da actividade económica que permita garantir unha transición ecolóxica e a xestión eficiente de recursos, para facer de Galicia unha rexión estratéxica cun novo plan eólico que permita reverter os beneficios na mellora da vida das persoas, o tecido produtivo e o territorio onde se implanten. Reclamou favorecer a implantación de empresas apoiadas por enerxía producida en Galicia e fomentar o uso de enerxías renovables.
En definitiva, resumiu, propuxo o cambio do sistema produtivo de Galicia, aproveitando os fondos europeos que ofrecen uns recursos extraordinarios “únicos”. Reclamoulle ademais ao PP que execute medidas para o impulso demográfico diante da “triste realidade de que a sangría demográfica de Galicia é das máis preocupantes do Estado” coa perda de 105.000 habitantes dende 2009, e cando hoxe hai 422.000 menores de 20 anos menos que cando chegou o PP.
Igualdade
Rodríguez Rumbo criticou que o PP rexeitara hoxe a Proposta de Resolución do Grupo Socialista que incluía un paquete de medidas de loita contra a violencia machista, logo de constatar que o propio PP non fixo “nin unha soa referencia” á mesma nas súas propostas, dixo, polo seguidismo das teses da ultradereita. Acusounos de “branquear” as políticas de Vox ao rexeitar as propostas a favor das políticas de Igualdade, os dereitos do colectivo LGTBI e o dereito ao aborto.
Desafiou ao PP a explicar por que rexeitaron a proposta socialista que reclamaba o cumprimento da Lei de Memoria Democrática, en vigor dende o ano pasado, par que Galicia “non sexa zona de exclusión” na aplicación desta norma, sinalando en concreto a celebración dunha homenaxe ás vítimas do golpe de Estado, da Guerra Civil e da ditadura franquista cada 31 de outubro.
Afeoulle o “hipocrisía” amosada ao reclamar agora a transferencia da AP-9 a Galicia antes de presentar a carta asinada pola galega Ana Pastor rexeitando a toma en consideración da Proposición de Lei desta transferencia cando era presidenta do Congreso. Lembrou que a infraestrutura continúa a ser de pago pola decisión de Aznar de asinar a súa prórroga da concesión, e advertiu que “nada lle impide á Xunta bonificar as peaxes” como fai o Estado.
Finalmente, respondeu ás críticas do PP contra o recurso de inconstitcionalidade pola Lei de Costas da Xunta, en base a un informe do Consello de Estado. Advertiu que “ningunha empresa do sector está en perigo por normativa estatal”, engadiu que “tódalas prórrogas á concesión foron autorizadas” polo Estado e acusou a Xunta e PP de “xogar con lume” ao “intentar cambiar unilateralmente as regras do xogo” provocando inseguridade xurídica”.
Esixiulle ao goberno galgo que “volva á vía do diálogo” e acaden a transferencia da competencia por unha “vía legal e segura” que teñen abandonado co “único obxectivo de confrontar con Pedro Sánchez” e que “ninguén se decate da súa falla de xestión e de que non saben xestionar e negociar”.
Texto da Proposta de Resolución do Grupo Socialista aprobada hoxe:
-Proposta de transacción entre o G.P. dos Socialistas de Galicia e o G.P. Popular de Galicia verbo da proposta de Resolución número 2 do PSdeG
“O Parlamento de Galicia adopta como resolución condenar a acción terrorista levada a cabo polo grupo Hamás contra o pobo de Israel. Asemade, insta ao Goberno da Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que defenda que a UE manteña as axudas de carácter humanitario dirixidas ao pobo palestino, garantindo, de acordo coas resolucións da Comisión Europea, que ningún financiamento da UE remate, directa ou indirectamente, proporcionando soporte a ningunha organización ou acción terrorista contra o Estado de Israel”.