Julio Torrado pídelle a Rueda que asista á reunión con Pedro Sánchez como presidente da Xunta e non como representante do PP
O portavoz de sanidade advirte que a solución ao colapso sanitario non consiste en formar máis médicos, senón en retelos despois con contratos máis estables
O viceportavoz do grupo socialista no Parlamento de Galicia, Julio Torrado, cuestionou hoxe que o presidente da Xunta converta o aumento do número de prazas de médicos en formación na gran solución ao colapso da sanidade galega, e preguntou que “por que pide tantos MIR se logo os exportamos e somos a tenda das demais comunidades”.
No transcurso dunha rolda de prensa ofrecida no Parlamento, o tamén portavoz de sanidade dos socialistas pediulle a Alfonso Rueda que asista mañá a reunión con Pedro Sánchez “como presidente de Galicia e non como presidente do PP” e que deixe a un lado “a loita partidista” para centrarse na defensa do intereses dos galegos e galegas con fin de abordar problemas como o da sanidade.
O deputado do PSdeG censurou que Rueda limite todo o problema do sistema sanitario galego a número de prazas MIR que reparte o Estado. “Por que pide tantas prazas MIR”, inquiriu, se despois non se lles ofrecen condicións laborais dignas, e co que se atopan moitas veces e con “contratos basura”. Do mesmo xeito, dixo que a Xunta está “aturdida a buscar culpables” aos que responsabilizar dunha situación que non sabe afrontar “por incompetencia ou por descoñecemento”.
Torrado emprazou ao presidente da Xunta a “deixar de ser tertuliano da realidade“ e ironizou con que o único problema que vexa na sanidade sexa “que non temos suficientes MIR”. Por iso enumerou diversas eivas do sistema, como “unha atención primaria desbordada, os PAC desatendidos porque están descubertos de profesionais ou ambulancias con demoras continuadas”. E criticou que para todo iso a Xunta non aporte solucións.
Tamén sinalou o viceportavoz socialista que a propia Xunta estivo de acordo coa última asignación de prazas MIR e seu reparto por comunidades, pois a Galicia concedéronlle un total de 207 este ano, a cifra máis elevada das últimas décadas, pois na etapa de Rajoy a oferta de médicos interno residentes para Galicia nunca superou as cen prazas.
REFORZO DA ATENCIÓN PRIMARIA
Por iso, o viceportavoz reiterou a necesidade das medidas propostas polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na xuntanza que mantivo con Rueda hai mes e medio e que ían dirixidas a mellorar a asistencia sanitario, cun reforzo da atención de primaria, a través dunha inxección de 139 millóns de euros máis para contratar a cerca de 1.000 profesionais máis. Lembrou tamén que Galicia é a comunidade onde máis baixou o investimento na atención primaria, e advertiu que si se quer mudar a situación hai que mobilizar máis gasto porque “os dereitos custan cartos”.
Outros datos “preocupantes” para o PSdeG da sanidade é que Galicia sexa comunidade autónoma que peor paga aos MIR e aos profesionais da atención primaria. Iso explica que “tan só un de cada cinco MIR queda nos centros de saúde”, mentres que o resto prefiren marcharse a outros territorios ou á sanidade privada por ter mellores condicións laborais. A solución para ter máis e mellores profesionais pasa, subliñou Torrado, pola “estabilidade e a contratación”.
O deputado socialista tamén suxeriu que a Xunta trata aos MIR como “petróleo barato”, non buscando xerar máis médicos para remodelar o sistema, senón para que logo acepten os contratos de baixa calidade que ofrecen.