Paloma Castro reclámalle á Xunta que retire o incremento do recibo aos concellos turísticos, que manteña a bonificación do 10 por cento no canon de Sogama e aplique o 15 por cento adicional polo contedor marrón
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, pediulle hoxe ao presidente da Xunta “un pouco de cabeciña” para parar coa “improvisación e bandazos” no baile de subas nos recibos polo tratamento de residuos aos concellos. Castro pide “empatía e colaboración” coas entidades locais e os seus veciños e veciñas, afogadas pola débeda de 610 millóns de euros acumulada pola Xunta dende a pandemia.
A responsable socialista lembra que logo da contestación provocada polo anuncio de suprimir a bonificación do 10 por cento no canon de Sogama aos concellos que cumprían cos requisitos medioambientais, Rueda viuse “obrigado a rectificar”, dando paso a unha “sucesión de bandazos e desautorizacións tanto á conselleira de Medio Ambiente como ao presidente de Sogama. Lamentou que esta xestión “semella máis á do exército de Pancho Villa que un goberno serio e responsable”.
Lamentou que o goberno galego teña provocado un “panorama incerto”, xa que logo de anunciar a supresión da bonificación, introducen unha autoemenda aos Orzamentos para incluír unha bonificación adicional do 15 por cento aos concellos pola implantación do contedor marrón, que coincide coa creación dun recibo agravado para o comercio e a hostalería. A Xunta, dixo, estase a comportar “como un mal estudante que se laia o día antes do exame e busca atallos e escusas”.
A parlamentaria socialista reclamoulle ao goberno galego que retire o incremento previsto aos concellos turísticos coa suba do recibo do lixo a comercios e hostalería. Ademais, demandou que manteñan a bonificación do 10 por cento no canon de Sogama aos concellos cumpridores, coa aplicación adicional do 15 por cento polos avances na compostaxe da materia orgánica e a implantación do contedor marrón.
Finalmente, esixiulle á Xunta que abandone o modelo vertical de toma de decisións e implante o traballo en equipo cos concellos galegos, cun modelo de responsabilidade compartida, comezando coa presenza de representantes municipais no consello de administración de Sogama con voz e voto. Tamén reclamou o incremento das partidas da Xunta para complementar con fondos propios as partidas que proceden do Estado para financiar a mellora na redución, reutilización e reciclaxe.
Emprazou ao goberno galego a que “poña as pilas” na construción das plantas de biorresiduos e a adecuación das planas de transferencia á compostaxe, xa que a día de hoxe carece de recursos para tratar o residuo orgánico no caso de que os concellos adscritos a Sogama comezaran a compostar.
Coordinación
A vía para resolver esta carencia, dixo, pasa pola coordinación dos tres sistemas de xestión de residuos que conviven en Galicia -os de Sogama, Nostián e Barbanza-, para que dialoguen entre si e coa Xunta de Galicia, e que Sogama “deixe de actuar coma se fora o único existente”. Apunta que a colaboración resulta “máis sostible tanto económica como ambientalmente”, e permitiría avanzar nos obxectivos medioambientais e “sacar a Galicia dos últimos postos” do Estado.
Sinalou que “temos un territorio rico en recursos naturais e comprometido co medio ambiente, como xa demostramos en moitas ocasións”, e apelou á “solidariedade e o compromiso medioambiental” xurdido cando a catástrofe do Prestige, cando se cumpren 20 anos daquel accidente.