Elena Espinosa sinala que o pago por uso da televisión nos hospitais constitúe unha práctica “abusiva” por parte do goberno galego
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, reclamoulle hoxe ao Sergas que poña as televisións gratuítas nos hospitais galegos. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade para reclamarlle ao goberno galego que modifique este modelo de pago por uso diario das televisións para “facer máis levadías as estancias nos hospitais”.
Espinosa sinalou que o modelo actual de cobro para desbloquear a televisión nas habitacións dos hospitais resulta unha forma “abusiva” de obter ingresos, xa que o hospital cóbralle unha taxa á empresa que explota o servizo. Reclama ademais que, mentres non fagan o servizo gratuíto, a lo menos permitan o pago por tempo consumido e non por día de uso.
A responsable socialista pídelle ao goberno galego que siga o exemplo de outras comunidades autónomas que xa permiten o uso dos televisores nos hospitais de forma gratuíta. Lembra que en Galicia o seu uso foi gratuíto durante a pandemia dentro das medidas especiais dos centros sanitarios, pero que volveu ser de pago en canto pasou a situación extraordinaria.
Espinosa advirte que neste momento “non todo o mundo dispón dunha tablet, non todo o mundo domina o mundo dixital nin ten capacidade de ver comodamente a pantalla dun móbil”, polo que deberían a lo menos ter a posibilidade de utilizar os televisores mentres permanezan ingresados.
Lucus Augusti
A parlamentaria socialista presentou esta iniciativa ao Parlamento de Galicia trala da petición trasladada pola plataforma Lugo en Pé, co apoio da Federación de asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti e a plataforma Galicia Baleira.