Carlos López Font presenta no Parlamento como emenda o acordo de investidura coa proposta “sensata e coherente” para ir cara á gratuidade a través das bonificacións do 75 por cento das peaxes
Lembra que o PSdeG foi o único partido presente na Cámara autonómica que votou a favor dos Orzamentos que permitiron as bonificacións das peaxes da AP-9
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Carlos López Font, lamentou o voto en contra do PP á proposta socialista de continuar coas bonificacións do 75 por cento das peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53 mentres non se faga efectiva a transferencia da Autopista do Atlántico. O responsable socialista presentou esta proposta, idéntica ao acordo de investidura, como emenda a unha iniciativa do BNG debatida hoxe no Parlamento, pero foi rexeitada polo PP.
Os socialistas galegos reclaman que mentres a transferencia da titularidade da autoestrada non sexa unha realidade con xestión propia e gratuidade das peaxes, o goberno continúe coas bonificacións ás peaxes iniciadas polo goberno do PSOE dende o ano 2021. Lembrou que os socialistas galegos foron o único partido presente na Cámara autonómica que votou a favor daqueles orzamentos que permitiron as bonificacións.
Sinalou que os socialistas galegos presentan esta proposta “na liña do que defendemos e asinamos no pacto de investidura co BNG, polo que entendemos que este partido apoiará” o que eles mesmos rubricaron naquel acordo.
Malia que a iniciativa debatida hoxe pedía a anulación da prórroga da concesión, que foi ampliada ata 2048 por decisión do goberno do PP, lembrou que o procedemento é suxeito dun procedemento xudicial aberto en Europa para determinar se a decisión pode ser considerada irregular. Pediu respecto aos procedementos xudiciais, e subliñou que “non podemos actuar coma xuíces nin tribunais, por moito que compartamos que a prórroga non se faga efectiva”.