Julio Torrado agradece que o novo presidente Portos “recoñeza que houbo retrasos e amose vontade de avanzar”
O parlamentario do Grupo Socialista Julio Torrado reclamoulle hoxe ao novo presidente de Portos de Galicia que desbloquee a cesión aos concellos dos terreos portuarios integrados na actividade municipal. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca do Parlamento na que criticou que o goberno galego teña paralizado o proceso.
Advertiu que “non ten que ver tanto cunha posición partidista como unha reivindicación local común” dende os concellos de costa que teñen expandido terreo ao mar, integrando os terreos portuarios que pasan a ter funcionalidade municipal. Sinalou que Portos continúa cobrando polo uso das súas instalacións mentres “non ofrecen servizos reais”, xa que deixan nas mans dos concellos o mantemento e limpeza e coidados.
Esta situación deriva en “desfases reais” con casas do concello que teñen que pagar polos usos dos terreos a Portos porque están localizadas en terreos que son de titularidade portuaria. Advertiu que o PP se negara a realizar esta transferencia ata que Pedro Sánchez asumiu a presidencia do goberno, para a continuación amosarse favorables pero sinalar ao Estado ou intentar poñer escusas para retrasar a posta en marcha da decisión.
Agradeceulle ao novo presidente da entidade que “recoñeza que houbo retrasos e amose agora vontade de avanzar”. Lembrou que mesmo a Fegamp amosouse disposta a aceptar a proposta do goberno de crear un grupo de traballo para tratar as cesións, pero “Portos non correspondeu ata o momento con toda a honestidade nas xuntanzas, minusvalorando e pospoñendo o proceso”.