Julio Abalde subliña a aposta pola oposición construtiva votando a favor da norma que incorpora emendas do Grupo Socialista para reforzar a computación de altas prestacións, o uso de algoritmos verdes, o recoñecemento dos dereitos de autor e o uso do galego
O portavoz de Administración Pública do Grupo Socialista, Julio Abalde, salientou o “apoio crítico” do Grupo Socialista á Lei da IA que foi aprobada hoxe no Pleno do Parlamento. Salientou, que malia que a norma é “moi mellorable”, foi apoiada polo PSdeG dentro da aposta por unha oposición construtiva e porque incorporou algunhas das principais emendas presentadas polo Grupo Socialista no debate parlamentario.
O responsable socialista explicou que as emendas do Grupo Socialista aprobadas no debate inclúen o reforzo das capacidades da computación de altas prestacións, así como a incorporación dos principios de sostenibilidade e algoritmos verdes para a mellora da eficiencia enerxética da IA. Tamén aceptaron incorporar o recoñecemento dos dereitos de autores e creadores coa referencia ao cumprimento das normativas española e europea.
Os socialistas galegos tamén lograron acordo para reforzar o papel e o uso do galego nas plataformas de IA coa incorporación ao consello reitor da Intelixencia Artificial das organizacións sociais relacionadas coa normalización lingüística e da administración lingüística. Abalde salientou a ”aposta polo diálogo” e a oposición construtiva dos socialistas neste texto, que foi aprobado incluíndo 6 emendas do Grupo Socialista, unha delas sen cambios e outras 5 transaccionadas.
Escasa ambición
Advertiu sen embargo a escasa ambición da norma, que “se reduce a un regulamento para a utilización da IA na Xunta”, deixando fora “aspectos importantes” como o reforzo dun ecosistema de IA galego, ou a aposta clara polo reforzo da atracción do talento. Sinalou que a norma “marca dereitos pero non actuacións en caso de incumprimentos”, que están a ser regulados pola UE para os casos máis graves e está a ser incorporado á normativa estatal polo goberno central.
Engadiu que a norma aprobada hoxe adoece dunha “relación insuficiente” coa Aesia, que ten a súa sede na Coruña, e reclamou unha maior colaboración co organismo que ten as competencias de supervisar a aplicación da IA no Estado.
Finalmente, advertiu que o goberno galego “renuncia a constituír as ferramentas necesarias para definir e establecer unha auténtica IA galega”, que “vai máis alá de que as plataformas dispoñan dunha interface en galego”. Sinalou que “ten que ver con que as linguaxes e os sistemas de aprendizaxe estean optimizados e plantexados por e para Galicia”.