César Mogo asegurou que “o que mudou non foi a nosa posición; o que mudou foi o proxecto, e a Xunta, que o presentou e o abrazou, debe responder por iso”, e lembrou que aos socialistas “non nos gusta, non estamos de acordo co camiño que tomou”
Os socialistas esixen que se garantice “a atención aos milleiros de alegacións presentadas” e que o proxecto cumpra coa normativa medioambiental estatal, autonómica e europea para acceder a calquera convocatoria de axudas
Santiago, 29 de maio. O senador socialista por Lugo, César Mogo, asegurou hoxe na Cámara alta que o Goberno de Pedro Sánchez “é a garantía de que o proxecto de Altri preservará o medio ambiente e protexerá ás persoas e o entorno ou non se fará”. “Aos socialistas non nos gusta, non estamos de acordo co camiño que tomou. Hai dous anos todos os grupos do Parlamento galego apoiaron unha moción favorable a Altri, pero dende aquel momento producíronse cambios, e o que mudou non foi a nosa posición; o que mudou foi o proxecto, e a Xunta, que o presentou e o abrazou, debe responder por iso”, explicou.
Mogo lamentou que o BNG rexeitara unha emenda á moción dos nacionalistas sobre a iniciativa da empresa lusa en Palas de Rei, a través da que os socialistas querían reforzar as garantías “tanto no control rigoroso do proxecto como na atención aos milleiros de alegacións presentadas é a obriga de que o proxecto cumpra coa normativa medioambiental estatal, autonómica e europea para acceder a calquera convocatoria de fondos”.
Por iso, cualificou de “erro político importante” a negativa do Bloque a dialogar co Partido Socialista, co que entra no marco do discurso da dereita “e sitúa o debate onde quere o PP, no Goberno de España e non na Xunta, que ten toda a responsabilidade nas decisións que se deben adoitar nos vindeiros meses”. “O PP e o BNG discrepan no proxecto, pero volven coincidir na estratexia de descargar a responsabilidade en quen non a ten agora mesmo”, insistiu.
O senador por Lugo defendeu que non hai ningunha ambigüidade na posición dos socialistas. “O Goberno non pode actuar á marxe da lei”, aclarou sobre a obriga de cumprir “en tempo e forma” a normativa en canto ao acceso a calquera liña de financiamento de Europa. Pero “calquera proxecto deberá cumprir requisitos moi severos en materia ambiental”, remarcou.
Por outra banda, cualificou de “broma” que cunha diferenza de poucas horas Alfonso Rueda non asegurase a viabilidade do proxecto por parte da Xunta e, pola contra, lle esixise ao Goberno de España a viabilidade do mesmo. Para Mogo, “uns e outros demándanlle ao Goberno que faga unha cousa e a contraria cando nin se convocaron aínda as subvencións nin se coñecen as súas bases”. Nese senso, criticou con dureza que se insinúe que o Executivo vaia ser permisivo en materia medioambiental.
Dado que o contido da moción nacionalista se refería á revisión do proxecto de Altri por parte do Goberno, cando na actual fase da tramitación correspóndelle informar á Xunta, os senadores socialistas abstivéronse na votación.