“Seis de cada dez galegos teñen sobrepeso ou obesidade, e iso non é só un problema de saúde, é un reto como sociedade. Non podemos mirar cara outro lado nin conformarnos con plans que quedan no papel”, sinalou a deputada na súa intervención na Comisión de Sanidade
A deputada socialista Elena Espinosa pediu hoxe un maior esforzo por parte da Xunta para frear o problema da obesidade en Galicia, unha das comunidades con peores cifras de exceso de peso en España. A súa iniciativa, que contou co apoio dos grupos de PP e BNG, busca garantir que o Plan Obesidade Cero cumpra cos obxectivos marcados e que os resultados sexan avaliados de forma clara e transparente.
“Seis de cada dez galegos teñen sobrepeso ou obesidade, e iso non é só un problema de saúde, é un reto como sociedade. Non podemos mirar cara outro lado nin conformarnos con plans que quedan no papel. Necesitamos accións que de verdade melloren a vida da xente”, sinalou Espinosa.
A proposta esixía que a Xunta presentase antes do 31 de marzo de 2025 unha avaliación das medidas a curto prazo que se deberían ter executado en 2023, e outra, antes de marzo de 2026, sobre as accións previstas ata finais de 2025. “Non se trata só de poñer en marcha iniciativas, senón de saber se funcionan e corrixir o que non estea dando resultados”, engadiu.
A deputada tamén destacou a importancia de ver a obesidade como unha enfermidade crónica e complexa, relacionada con factores como o nivel educativo, a renda ou mesmo a convivencia con persoas con problemas de peso. “A obesidade non é culpa de quen a padece, e por iso as solucións teñen que ser integrais: máis prevención, máis educación alimentaria e un mellor acceso a tratamentos”.
Espinosa subliñou que o impacto desta enfermidade vai máis alá da saúde individual. “Non só afecta ás persoas, tamén pon en risco o sistema sanitario e prexudica a economía. Segundo os expertos, pode reducir o PIB nun 3,3%”, explicou.
Para rematar, agradeceu o apoio á súa iniciativa e animou a todas as forzas políticas a sumar esforzos. “Cando falamos de saúde pública non pode haber cores nin intereses partidistas. Este é un problema que nos afecta a todos, e todos temos que ser parte da solución”, concluíu.