O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, anunciou hoxe unha ofensiva parlamentaria para reclamar o reforzo da atención primaria na comarca de Bergantiños. O responsable socialista fixo hoxe unha visita a Carballo xunto co viceportavoz parlamentario Pablo Arangüena e o parlamentario Martín Seco, onde mantiveron un encontro con responsables institucionais e orgánicos do PSdeG para analizar a situación da sanidade pública na comarca.
Torrado alertou do problema da presencialidade en plena pandemia, nunha comarca que atende por teléfono menos da metade das consultas. Ademais, sinalou o “desleixo” do goberno galego por reforzar a atención primaria na comarca, onde a falla de substitucións de persoal está a provocar serios problemas nos servizos de Pediatría de Coristanco ou Malpica, así como na Atención Primaria de A Laracha.
Ademais, salientou o déficit de infraestruturas nos servizos sanitarios, coas “dúbidas” provocadas sobre a viabilidade futura do Consultorio de Nantón, ameazado de peche polo goberno galego. Explicou que os socialistas galegos “seguiremos insistindo no Parlamento na necesidade do Centro de Saúde de Carballo”, que o PP ten rexeitado en tódalas ocasións que se ten presentado.
O viceportavoz parlamentario, Pablo Arangüena, alertou da falla de reforzo á Atención Primaria de Galicia, onde “hoxe temos 1.000 profesionais menos que en 2009”. O responsable socialista reiterou a man tendida dos socialistas galegos á estratexia de loita contra a pandemia desenvolta polo goberno galego en base aos criterios do Comité Clínico.
Os dous representantes políticos participaron neste encontro no que participaron o coordinador comarcal de Bergantiños, José Antonio Viña, a portavoz do PSdeG de Carballo, Carmen Vila, o portavoz de Cabana de Bergantiños, Juan Varela, o representante de Ponteceso, Manuel Taibo, e a portavoz de A Laracha, Palomi Rodríguez. Xa pola tarde, Torrado e Seco visitaron a confraría de pescadores de Caión, onde mantiveron un encontro co patrón maior, José – Héctor Morgade.