Besteiro preguntaralle ao presidente da Xunta pola xestión “absolutamente ineficaz” dos servizos públicos, que está a provocar “unha Galicia máis desigual”
A viceportavoz segunda do Grupo Socialista, Lara Méndez, anunciou hoxe que o Grupo Socialista levará ao próximo Pleno do Parlamento a situación do chalé da muller de Feijóo. Así o dixo logo da reunión da Xunta de Portavoces na que fixaron a orde do día da próxima sesión plenaria, na que Besteiro preguntaralle a Rueda pola súa ineficacia na xestión dos recursos públicos, que está a provocar “unha Galicia máis desigual”.
Criticou que o PP “estea máis preocupado pola residencia de verán duns poucos privilexiados que do acceso á vivenda das 16.000 familias adscritas ao rexistro de demandantes de vivenda protexida. Advertiu que “non vamos permitir que o PP manteña o privilexio duns poucos en detrimento do ben común”, e por iso tanto os socialistas de Moaña van presentar alegacións á solicitude de prórroga e o PSOE ten posto en marcha aos seus servizos xurídicos para analizar o caso polo miúdo.
A responsable socialista afeoulle ao goberno galego que logo de 15 anos sen pedirlle ao Estado unha sola transferencia “lle teñen entrado as presas” para reclamar a competencia sobre a xestión do litoral, “e agora entendemos o seu nerviosismo”. Reclamoulle ao goberno galego se van manter o “acceso privilexiado do seu xefe ás praias e zonas costeiras que son de todos e de todas”, e que dependen da prórroga da concesión de espazo de dominio público ao terreo do chalé de Moaña.
Os socialistas galegos tamén preguntarán pola baixa execución dos orzamentos para a vivenda por parte da Xunta, que no III trimestre de 2024 só tiña executado o 10 por cento do Orzamento do programa de aceso á vivenda. Explicou que en 10 anos deixaron sen investir 270 millóns de euros para vivenda, mentres teñen 526 millóns transferidos polo goberno central e que ten que xestionar a Xunta pero que “ninguén explica onde foron parar”.
Criticou que mentres “enchen a boca” ao falar de vivenda pública, despois só trasladan “ocorrencias” como as vivendas colaborativas, que en realidade son minipisos compartidos e que demostran que o PP “non entende que os mozos e mozas queren emanciparse con dignidade e non vivir permanentemente en residencias de estudantes”. Ademais, cualificou o anuncio de onte do bono alugueiro de “márketing de emerxencia”.
Sesión de control
Lara Méndez explicou que a sesión de control ao presidente do próximo Pleno do Parlamento estará centrada na xestión dos recursos destinados á prestación de servizos públicos por parte do goberno galego. O portavoz do grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, reclamaralle a Rueda que dea conta da súa ineficacia á hora de garantir os dereitos das persoas, e que está a provocar “unha Galicia máis desigual”.
Méndez subliñou que “non vale estar todo o día criticando aos outros” e reclamoulle ao goberno galego que “goberne e garanta unha distribución equitativa de recursos para evitar a Galicia das desigualdades”. Advertiu que a xestión pública “ten que ver con que a xente non espere pola cita na sanidade ou que a mocidade teña acceso á vivenda”.
O Pleno da próxima semana incluirá ademais unha moción para reclamarlle á Xunta que recupere o acordo social e político a favor do galego logo de ser os responsables da “caída sen paliativos da nosa lingua” durante os últimos 15 anos. Os socialistas galegos propoñen ao goberno galego que presente un Libro Branco sobre a lingua no que tamén participen a RAG, o Consello da Cultura de Galicia e as entidades dedicadas á protección do galego.
Tamén presentarán unha proposta para reclamarlle á Xunta que incremente de forma gradual os recursos destinados á saúde mental para acadar a media europea nun prazo de 3 anos, así como unha proposición non de Lei para esixirlle ao goberno galego que active as axudas do Fondo de Transición Xusta para compensar ás comarcas afectadas polo peche das centrais de Meirama e As Pontes. Finalmente, incluirán unha pregunta oral sobre a construción dunha nova estación intermodal en Vilagarcía.