Paloma Castro esixe unha rectificación e a retirada da “intolerable” mensaxe en Instagram empregando contidos machistas para alertar fronte ao uso das estufas para secar a roupa
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, presentará no Parlamento iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta unha rectificación inmediata e a retirada das mensaxes machistas na conta de Instagram do 112. A responsable socialista considera “absolutamente intolerable” que un ente autonómico empregue as súas redes para “cosificar ás mulleres”.
A responsable socialista lamenta que o goberno galego permita unha vez máis o uso de medios institucionais para perpetuar clichés que non teñen cabida nunha Galicia moderna e igualitaria, neste caso para alertar fronte ao perigo de empregar os calefactores ou estufas para secar a roupa. Lamentou que “malia que compartimos a necesidade da mensaxe preventiva, a execución da mesma empregando un meme sexista resulta francamente desafortunada”.
Castro considera o uso desta imaxe, na que un rapaz olla para outra muller diante do disgusto da súa parella, resulta “impropio dunha institución que debera de contar con recursos de abondo para poder transmitir estas mensaxes sen ter que recorrer a imaxes que cosifican ás mulleres”.
Ademais da rectificación e a retirada da mensaxe, a responsable socialista reclama “medidas urxentes para garantir que as redes sociais vencelladas á Xunta non se convertan nun altofalante de contidos machistas”. Subliña que “a loita pola igualdade require de feitos, non de complicidades silenciosas”.