Lara Méndez participa na protesta da comunidade educativa na Pobra do Brollón para reclamar a cobertura das baixas de profesorado e o cumprimento das ratios de alumnos por aula
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, anunciou hoxe que os socialistas levarán ao Parlamento o incumprimento das ratios de alumnos por parte da Xunta e a falla de profesorado no ensino público, que afecta especialmente ás escolas públicas do interior de Galicia. A responsable socialista apoiou aos pais e nais do CEIP Pobra de Brollón, que se concentraron para reclamar a cobertura das baixas de profesorado e o cumprimento do reparto de alumnos por aula acordado polo goberno galego.
A responsable socialista anunciou que os socialistas galegos comezarán o curso político poñendo o foco na situación precaria do ensino público en Galicia polo desinterese do goberno galego, que suprimirá seis escolas no próximo curso. Os socialistas esíxenlle ao goberno galego que cumpra coas ratios máximas de alumnos por aula asinadas coas organizacións sindicais en 2023 e que garanta a dotación de profesorado que permita os desdobres necesarios para cumprir coas ratios.
Alerta de que a realidade “é ben distinta da que pinta a Consellería de Educación”, que está a “incumprir de maneira sistemática a súa obriga de dar unha resposta áxil ás familias e ao profesorado”, agardando ata o último momento para anunciar o número de unidades das que disporá cada centro.
A Pobra de Brollón
A responsable socialista levará ao Parlamento o caso do CEIP da Pobra de Brollón como exemplo paradigmático desta situación, xa que Educación négase a cubrir a praza de profesora logo da xubilación da antiga directora, cambiando o agrupamento de alumnos e reducindo as horas lectivas do profesorado en 23 horas semanais.
Méndez acompañou hoxe á comunidade educativa desta escola, que denuncia o incumprimento do acordo de xullo de 2009 e a resolución de xaneiro de 2024 ao agrupar aos alumnos e alumnas de distintos ciclos, cos rapaces e rapazas de Primeiro e Segundo por unha banda e os de Terceiro a Sexto pola outra. Lembra que a Xunta ten “a obriga de garantir que o alumnado do rural teña exactamente os mesmos dereitos que calquera outro a unha educación pública de calidade”.
A parlamentaria socialista asistiu, xunto co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, ao pleno extraordinario celebrado no Concello antes de acudir á concentración organizada para reclamar máis recursos, frear o recorte de profesorado e esixirlle á Xunta máis medios e recursos para o ensino do rural.