Carmen R. Dacosta advirte que a “nefasta xestión” por parte da dirección do ente está a afectar seriamente á saúde dos traballadores e traballadoras
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG, Carmen Rodríguez Dacosta, levou hoxe ao Parlamento a “reestruturación caótica” das delegacións territoriais do ente, que evidencia a “nefasta xestión” por parte da dirección. Advertiu que esta situación supón un paso máis no “continuo ataque á independencia e liberdade informativa” e ademais está a afectar á saúde dos traballadores e traballadoras.
A responsable socialista sinalou á reestruturación imposta nos centros de traballo de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, onde obrigan aos redactores e redactoras a asumir simultáneamente as funcións de televisión, radio e web sen formación necesaria nin tempo de preparación. Dacosta levou ao Parlamento as queixas do Comité Intercentros, que acusa á dirección de aplicar o rolo para impoñer funcións, xerando máis inquedanza e malestar entre as traballadoras do ente.
Os delegados e delegadas de persoal, dixo, están a trasladar a súa total discrepancia pola nova imposición sen diálogo nin negociación previas, que está a afectar á saúde dos traballadores e traballadoras, como pon de manifesto o incremento significativo nas situacións de incapacidade temporal. Advirte que a carga de traballo resulta excesiva, a formación é insuficiente e a descoordinación reina nas delegacións.
Acusa ao responsable da CRTVG de provocar unha situación “insostible” co obxectivo de “disfrazar a falta de persoal que hai nas delegacións territoriais impoñendo modificacións significativas de tarefas e de horarios sen atender ás peticións de diálogo.