Julio Torrado sinala que a Lei converte aos bares en “pequenos locais de apostas” nos que poderán xogar menores e autoprohibidos
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, dixo hoxe que a Lei do Xogo constitúe unha “oportunidade perdida” e un “peche en falso” polo goberno, que “lava as mans” diante da empresas cun texto feito “a presa e correndo”. Torrado interveu no debate final desta Lei no Pleno do Parlamento, que foi aprobada a pesares do voto en contra do PSdeG.
O responsable socialista lamentou que o PP se negara a limitar a 1 máquina de apostas nos bares, ao tempo que se negan a implantar control telemático de acceso a estes dispositivos, permitindo que tanto os menores como os autoprohibidos utilicen estas máquinas para xogar. Acusou ao PP e ao goberno galego de permitir que os bares se convertan en “pequenos locais de apostas” mentres descargan a responsabilidade nos locais de hostalería.
Defendeu un control electrónico e telemático de acceso mediante identificación persoal, como o número de DNI, “para garantir que a persoa que xoga pode xogar”. O responsable socialista explicou que este método, que podería ser implantado nas máquinas, “garante o acceso só a quen pode e evita o problema do descontrol ou a falta de vixilancia”.
Torrado sinalou que este texto “non beneficia nin aos menores nin aos autoprohibidos, tampouco ás empresas que cumpren coa norma, nin ás familias, ás asociacións de consumidores nin aos traballadores das empresas do xogo”.
Criticou que “a quen beneficia esta gran oportunidade perdida é ás multinacionais que especulan con montar grandes casinos en Galicia” e ás que lle está a “abrir o campo” mentres renuncian a habilitar ferramentas para que os concellos poidan limitar a implantación de casas de xogo.
Os socialistas galegos solicitaran destinar o 1 por cento da recadación das taxas ás empresas do xogo para destinala á prevención de condutas aditivas, o que suporía en torno a 600.000 euros anuais dos 60 millóns que percibe o goberno galego cada ano, máis que “o 0 por cento que dedican actualmente”.
Torrado advertiu que esta norma, que entrou “a rastras” e obrigada pola iniciativa que presentaron os socialistas galegos na Cámara autonómica o ano pasado, afrontou hoxe o último debate antes do debate definitivo despois de levar 3 meses paralizada dende o remate do debate en Ponencia. O responsable socialista lamentou a falla de iniciativa do PP para rematar o trámite dunha norma que resulta “vaga e insuficiente”.
O texto, que debera servir para actualizar á anterior norma aprobada en 1985, incorporou 3 emendas e outras 5 transaccións do total de 23 presentadas polo Grupo Socialista, deixando fora as principais aportacións, o que provoca que a norma quede lonxe dun “mínimo aceptable”.