Patricia Otero censura a falla de diálogo da Consellería e a excesiva lentitude na tramitación das axudas ao sector por parte dun departamento que deixa máis da metade do orzamento sen executar
A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, trasladou hoxe a súa “profunda decepción” diante da comparecencia do novo conselleiro do Mar no Pleno do Parlamento. A parlamentaria socialista lamentou o continuísmo na liña de xestión da ex conselleira, e sinalou que “mudaron as caras, pero as artes seguen a ser as mesmas”.
Otero criticou en primeiro lugar a excesiva lentitude na tramitación das axudas por parte deste departamento, que adoita presentar uns niveis de execución “penosos” dos seus orzamentos, xa que ano tras anos deixa máis da metade das partidas sen gastar. Advertiu neste sentido que criticaran que o Executivo central tardara un mes en habilitar axudas polo impacto da guerra de Ucraína cando o goberno galego tardou un ano e medio en poñer axudas propias que aínda non pagaron.
O mesmo sucedeu coas axudas aos mariscadores afectados polo peche de actividade do pasado mes de xaneiro, que “a día de hoxe aínda non cobraron”, uns traballadores que están a padecer unha caída da produción marisqueira de ata o 50 por cento. Puxo como exemplo o caso da ameixa babosa, que pasou de rexistrar 745.000 quilos en 2019 a pechar 2022 con 334.000 quilos, menos da metade.
Emprazou ao conselleiro a “mudar a forma de facer política” porque “hai moito que axudar ao sector” logo de anos dunha xestión baseada na confrontación, como sucedeu, lembrou, coa malograda Lei de Acuicultura ou co conflito “xerado pola propia Consellería” entre mexilloeiros e percebeiros pola recollida da semente de mexilla.
Lamentou neste sentido que a falla de diálogo teña sido práctica habitual na que é “unha das consellerías máis sectarias que existen no goberno galego” ao negarse a dialogar cos grupos parlamentarios da oposición e tamén con parte do sector da pesca. A responsable socialista ofreceu “man tendida” do Grupo Socialista para colaborar co goberno galego e “traballar todos xuntos a prol de axudar ao sector” diante duns retos futuros “que alarman”.
Sinalou á próxima reunión de Pesca da Comisión Europea co sector para o próximo 26 de setembro, na que poñerán sobre a mesa a ampliación das zonas de veda, logo da decisión unilateral de vetar a pesca de fondo sen ter en conta a situación real dos caladoiros e o impacto socioeconómico desta decisión.
Otero lembrou que foi o goberno central quen abandeirou a oposición a esta decisión, fronte á xestión errática do goberno galego co recurso contra a decisión, que finalmente presentaron como parte coadxuvante do sector.