Patricia Iglesias reclama no Parlamento unha medida fundamental aceptada de forma masiva polos traballadores e traballadoras
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, lamentou hoxe o voto en contra do PP, incluído o seu parlamentario de Carballo, a pedirlle á Xunta que inclúa o Polígono Industrial de Bértoa no Plan de Transporte Metropolitano da Xunta. Iglesias cualificou de “incomprensible” a negativa do PP e do goberno galego a poñer bus ao Polígono carballés.
A responsable socialista levou á Comisión de Industria do Parlamento esta proposta que é reclamada de maneira unánime pola comunidade de propietarios do Polígono dende hai 3 anos, sen que o goberno galego se teña parado a escoitalos. Explicou que segundo os estudos aportados pola comunidade de propietarios é unha medida amplamente aceptada polos usuarios do polígono, que hoxe se teñen que desprazar en coche particular.
Explicou que o 70 por cento dos usuarios teñen declarado que prefiren desprazarse en autobús ao Polígono, no caso de que o goberno galego decidida habilitar un servizo adaptado ás necesidades reais dos usuarios.
Neste momento, sinalou, o parque móbil empresarial ascende a 577 vehículos convencionais e outros 268 vehículos pesados, e a metade do total proceden do centro de Carballo, outro 35 por cento residen noutros lugares do municipio e o 11 por cento do eixo A Laracha – Arteixo – A Coruña.
Iglesias subliñou que se trata dunha medida necesaria para os usuarios e para mellorar a competitividade dunha infraestrutura esquecida polo goberno galego, que leva 6 anos adiando a súa ampliación, ademais de que responde a unha necesidade na loita contra a pegada de carbono e o cambio climático.