Lara Méndez acusa ao Grupo Popular de intentar que remate “canto antes e non acade o fin de buscar a verdade do sobrecuste do Álvaro Cunqueiro e os contratos menores a dedo”
Besteiro preguntaralle a Rueda pola “falla de respecto” e a “perda de complexos” de Xunta e PP co traballo das institucións ao presentar 50 emendas á Lei de Acompañamento
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, optou polo ton irónico logo da petición do PP de habilitar os luns para celebrar a Comisión de Investigación do sobrecuste do Álvaro Cunqueiro e a contratación da dedo da Xunta. Logo da Xunta de Portavoces sinalou que “podiamos habilitar o 25 de decembro e chamar a declarar a Papá Noel, a ver se nos conta algo máis ante a ausencia de quen tiña que estar, que era Núñez Feijóo”.
Méndez retrucoulle ao PP cunha contraproposta para habilitar sábados, domingos e festivos, antes de criticar que queiran acelerar o órgano e “diluír” o seu traballo “entre guirnaldas, turróns, uvas e festividades”. Advertiu que o grupo que sostén ao goberno galego quere “que remate canto antes e non acade o seu fin de buscar a verdade sobre o sobrecuste de 470 millóns de euros no Hospital Álvaro Cunqueiro e o abuso de contratos menores a dedo” para beneficiar a amigos e familiares.
Explicou que os socialistas se abstiveron nesta petición porque “non nos opoñemos a nada e queremos unha Comisión útil respectando as peticións do resto de grupos parlamentarios”, pero advertiu fronte ao empeño do PP en convertela na “Comisión do disparate, nun paripé”. Lembrou como exemplo que o Grupo Socialista a día de hoxe non tivo acceso á documentación en papel que o goberno galego entregou hora e media antes de que comezaran as comparecencias do venres.
Lara Méndez interveu logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do Pleno da próxima semana, na que o portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, preguntaralle ao presidente pola falla de respecto institucional reiterada por parte do goberno galego. Puxo como exemplo que o portavoz do PP no Parlamento presentara medio cento de emendas á Lei de Acompañamento acompañado por dous conselleiros que nin sequera son deputados.
A responsable socialista advertiu que con esta práctica impiden que o resto dos grupos debatan e emendan as emendas presentadas polo PP, “coartando a capacidade de fiscalizar e de lexislar do Parlamento”, xa posta en dúbida coa propia Lei de Acompañamento para modificar dunha tacada máis de 50 leis e normas de carácter lexislativo.
Trasladou a “fonda preocupación” do Grupo socialista pola “patrimonialización” das institucións dende a Xunta e a “falla de complexos” amosada polo PP, que o pasado 19 de novembro incluía unha peza informativa na TVG xa cos micros propios do partido político.
Violencia de xénero
Explicou que os socialistas levarán unha nova proposición non de Lei cunha serie de propostas en positivo para actualizar o protocolo de cooperación e coordinación institucional fronte á violencia de xénero e un Plan urxente centrado na prevención, a educación e a protección das vítimas. Advertiu que “unha sola” agresión machista é “inaceptable”, canto máis 4 mulleres falecidas en Galicia no que vai de ano e dúas ingresadas só o domingo é “inasumible”.
Méndez reclamoulle ao goberno galego que apoie a loita machista e “abandonen a estratexia demencial de atacar ao sistemas de atacar aos sistemas de protección das vítimas” coa única finalidade de confrontar co goberno central. Alertou fronte a unha estratexia “intolerable e perigosa que vai contra toda lóxica” ao poñer en cuestión o sistema VioGen cando cumpre impulsar as denuncias de malos tratos que son “a chave que abre a porta da liberdade das vítimas”.
A portavoz do Grupo Socialista explicou que o Grupo Socialista incluirá unha pregunta oral para reclamar máis recursos para prevención e sensibilización diante do incremento dos delitos homófobos, que segundo o Goberno central se teñen duplicado en Galicia nos últimos 5 anos. Esixiu unha “resposta firme” fronte a estas agresións, hoxe de “triste actualidade” coa celebración do xuízo polo asasinato de Samuel Luiz.
O próximo Pleno incluirá unha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego que garanta por Lei a cualificación permanente das vivendas protexidas e incremente as partidas orzamentarias para afrontar a situación de “emerxencia habitacional” de Galicia. Tamén presentarán unha moción para pedirlle ao PP e ao goberno galego que apoie o uso oficial da lingua galga no marco das institucións europeas.