O portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, anunciou unha batería de iniciativas para que a Xunta aclare a onde foron a parar os recursos que non se utilizaron para reforzar a sanidade durante a pandemia
Lamentou que a Xunta só ofrece unha “reacción en negativo” ante cada solución trala caída do viaduto da A-6
O portavoz parlamentario do Grupo Socialista, Luis Álvarez, instou hoxe aos grupos do PP e do BNG a que se pronuncien sobre a proposta rexistrada polo PSdeG para investigar o onde foron a parar 159 millóns de euros dos fondos covid transferidos polo Estado á Xunta, e que non se empregaron para o fin que estaba previsto, que era o reforzo do sistema sanitario e das contratacións de profesionais durante a pandemia.
Nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez anunciou que os socialistas están impulsando unha serie de iniciativas e preguntas parlamentarias co obxectivo de esclarecer o destino final dos fondos covid que o goberno galego, naquel momento presidido por Núñez Feijóo, con Alfonso Rueda como vicepresidente, empregou para outros fins completamente descoñecidos.
O voceiro do PSdeG pediu aos grupos do PP e do BNG que expresen a súa posición de cara a investigar o destino deses fondos, como piden os socialistas. Incidiu en que estamos a falar de aproximadamente “4 de cada 10 euros do fondo covid”, sendo grave de por si para Álvarez que eses cartos non se destinaran á sanidade na peor parte da pandemia, o caso empeora ante a opacidade encontrada.
Destacou que os datos dos socialistas son extraídos do informe do Consello de Contas, o órgano consultivo que controla cada paso da administración galega e que ten unha responsabilidade fiscalizadora sobre a actuación do executivo, polo que cuestionar a fiabilidade da información é poñer en dúbida a veracidade do Consello de Contas, non ao PSdeG.
Criticou severamente que o desvío dos fondos que foron enviados ás comunidades para axudar aos sistemas sanitarios fíxose mentres Feijóo “saía cada día a queixarse” da falta de axuda económica do goberno central, sendo Alfonso Rueda vicepresidente da Xunta naquel momento.
En canto á comparativa con outras autonomías do estado, Álvarez destacou que Galicia foi a segunda que menos investiu deses fondos na pandemia, tan só por detrás da “desastrosa” xestión da Comunidade de Madrid. O caso galego queda máis en evidencia ao compararse con outras moitas comunidades que, non só gastaron eses fondos, senón que aportaron cartos propios para loitar contra o virus e axudar ao sistema sanitario, como foi o caso da Comunidade Valenciana.
En definitiva, ante unha falta de transparencia con fondos estatais para unha situación de alta excepcionalidade, o PSdeG pide que os demais partidos con representación parlamentaria en Galicia amosen se van a ser igual de rotundos na busca de respostas e de claridade.
REACCIÓN NEGATIVA ANTE CADA SOLUCIÓN
O voceiro socialista presentou unha fotografía da estrada autonómica que ten 200 metros afundidos en Folgoso do Courel dende o mes de marzo, sendo agora, seis meses despois cando comezan a estudar as causas do derrubo para amosar a xestión “sen solucións ante os problemas”das infraestruturas do goberno galego.
En cambio, cando o goberno de España abriu unha nova alternativa de circulación este fin de semana ante o problema derivado da caída do viaduto da A6, a Álvarez “moléstalle” a actitude do goberno galego e da Consellería de Mobilidade, “non como voceiro socialista, senón como galego e como cidadán”, xa que “a cada avance” buscando solucionar un problema a conselleira Ethel Vázquez “presenta unha reacción en negativo”.
Luis Álvarez pregúntase se o goberno de Rueda está a cuestionar a acapacidade dos técnicos para analizar as causas do colapso dese viaduto, o cal é para o socialista algo “inédito” dende o punto de vista da enxeñaría civil.
No cruce de responsabilidades, Álvarez tamén preguntou retoricamente se é necesario recordar quen ostentaba o cargo de presidente de España e de ministro de fomento cando se fixo o proxecto de viaduto derrubado, xa que eran os populares José María Aznar e Álvarez Cascos, respectivamente, os responsables da obra da que a Xunta intenta responsabilizar ao actual goberno central.