Julio Torrado acusa á Xunta de empregar a Portos como “ente parásito” por cobrarlle aos concellos por terreos que non utiliza
Empraza ao goberno galego a remitir unha proposta de convenio á Fegamp para establecer procedementos estandarizados para os concellos
O viceportavoz do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle á Xunta que reverta a favor dos concellos a titularidade dos terreos de Portos de Galicia sen uso portuario. O responsable socialista presentou unha moción no Pleno do Parlamento para reclamarlle ao goberno que deixe de empregar Portos como “o maior ente parásito de Galicia”, que cobra por uns terreos que nin utiliza nin se encarga de manter.
Amosou a súa sorpresa por que o PP votara hoxe en contra desta iniciativa, que precisamente pedía axilizar o a reversión da titularidade destes terreos, tal e como determinaba unha proposta anterior presentada polo Grupo Socialista e aprobada tamén polo PP. Criticou o “escapismo permanente” do goberno galego, que está a retrasar os procedementos para entregarlle estes terreos aos concellos que o soliciten.
O responsable socialista lembrou a situación de numerosos concellos costeiros, que foron absorbendo os terreos que un día integraron o porto local, pero que polo avance urbanístico quedaron para usos municipais. Portos de Galicia mantén estes terreos para “cobrar moito e traballar nada” por un uso que nada ten que ver coa actividade portuaria, renunciando a asumir o seu mantemento ou limpeza, que recae sobre os gobernos locais.
Reclamou que lles permitan aos concellos que xestionen uns espazos que de facto están a soster agora mesmo, e acusou ao goberno galego de “aproveitar un problema no canto de solucionalo”. Acusou á Xunta de provocar conflitos ao dificultar a actividade dos concellos e que traten de “escabullirse e tomarse a pitorreo o Parlamento”.
Lembrou que o goberno galego renunciou a incluír a reversión dos terreos a favor dos concellos cando aprobou a Lei de Portos en 2017, e seguiron rexeitando calquera iniciativa presentada polo Grupo Socialista ata 2020, cando comezaron a “votar a favor, pero con cumprimento nulo”. A propia Xunta, engadiu, recoñece que son terreos de non uso portuario pero “segue sen facer nada”.
Proposta
Torrado explicou que nesta iniciativa reclamaba “concretar e remitir unha proposta de convenio á Fegamp para establecer procedementos estandarizados para os concellos galegos”. Ademais, o parlamentario socialista pide que o goberno galego realice informes favorables á reversión dos terreos cara aos concellos para solicitarlle a Costas que o procedemento de reversión continúe favorablemente.