Leticia Gallego empraza ao goberno galego a xerar un ecosistema turístico acorde coa Axenda 2030 con propostas “competitivas e innovadoras”
A parlamentaria socialista, Leticia Gallego, reclamou hoxe no Parlamento que o goberno galego debe impulsar a transformación dixital e sostible do sector turístico en Galicia, e convertelo no primeiro territorio intelixente certificado do noso país. Para elo a deputada destacou a importancia de promover o conxunto do ecosistema turístico cara un modelo de crecemento competitivo e innovador de acordo coa Axenda 2030.
Gallego afirma que as liñas para xerar unha actividade turística tractora de emprego e desenvolvemento local deberían ter como obxectivo converternos nun destino intelixente cunha forte aposta pola dixitalización, así coma impulsar ao conxunto do ecosistema turístico a un modelo de crecemento sostible.
Destaca que o goberno galego ten a tarefa pendente de estruturar un modelo turístico que poida espallarse no terreo, desestacionalizado e xerar empregos correctamente remunerados e con xornadas estables. O obxectivo debe ser atraer a “cantidade e calidade turística” impulsando a transformación dos destinos turísticos galegos.
A representante socialista apuntou que asistimos a un notable cambio nos valores sociais, o que define unha demanda máis esixente coa conservación ambiental, así coma tamén as novas tecnoloxías provocan que os consumidores podan acceder con máis facilidade ás diferentes ofertas en relación a calidade/prezo, impoñendo ás empresas unha cotiá actualización da tecnoloxía.
A tamén vicevoceira do Grupo do PSdeG sinala que estes avances sociais e tecnolóxicos deben supoñer un cambio nas estratexias da política turística galega, impulsando o desenvolvemento de propostas competitivas e innovadoras. Estas liñas están establecidas na Axenda 2030, nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e nos grandes fitos da Organización Mundial do Turismo.
Ademais, esta renovación do tecido turístico xoga un papel importante na recuperación económica e social da nosa terra que se ve afectada polas consecuencias da pandemia e da guerra de Ucraína. A socialista pon en valor que a evolución da actividade turística non pode entenderse fora do contexto mundial marcado pola diversificación do tempo libre e dos cambios nos valores sociais que definen unha demanda máis esixente.