Paloma Castro empraza ao PP a afastarse da posición “extremista” do PP de Madrid que “non quere celebrar que vaiamos cumprir 50 anos vivindo en liberdade como fan Italia ou Alemaña
A responsable socialista traslada a condena polo asasinato machista de Viveiro
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle ao goberno galego que cumpra coa Lei de Memoria e constitúa o Consello da Memoria Democrática de Galicia para traballar “no asesoramento, a información, o debate ou o estudo das propostas ao redor da recuperación da memoria democrática”.
Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento que comezou trasladando a “condena e repulsa” dos socialistas galegos contra o asasinato machista de Viveiro, e emprazou a rematar co “insoportable goteo de mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas”.
Castro presentou reclamoulle ao goberno galego que cumpra coa súa obriga e que se afaste da posición “extremista” do PP de Madrid e a súa presidenta, que “non quere celebrar que vaiamos cumprir 50 anos vivindo en liberdade”. Puxo como exemplo os casos de Italia, que o 25 de abril conmemora o Día da Liberación, ou Alemaña, que dedica o 8 de maio ao Día da Vitoria en Europa.
O Grupo socialista emprazou ao goberno galego a seguir o exemplo de concellos como Pontedeume, Narón, A Coruña, Neda ou Ferrol que están a constituír os concellos de memoria recoñecidos pola Lei. Instou a constituír este consello a nivel autonómico como un órgano “colexiado, permanente, de participación e de carácter técnico e consultivo, con representación plural adscrito á Consellería da Presidencia”.
Defendeu o cumprimento da Lei de Memoria para “recoñecer e lembrar o acontecido, honrar ás vítimas e afastarnos das mensaxes da extrema dereita” para evitar que “pasen cousas como o acontecido esta mañá, cando a vicepresidenta do Parlamento -Elena Candia- demostrou que non sabía que Franco era un ditador”. Aludiu á intervención da vicepresidenta pedíndolle á socialista Lara Méndez que retirara a alusión ao “ditador Franco”.
Emprazou ao PP a “tomar en serio” o auxe da ultradereita entre a mocidade, e cuestionou a resposta do líder dese partido e ex presidente da Xunta, Núñez Feijóo, cando recoñecía sentir “pereza” diante da memoria democrática. Puntualizou que “non é pereza, é unha falta de respecto para moitos galegos e moitos españois”.
Subliñou que co Consello da Memoria Democrática “estamos a falar da defensa e promoción dos dereitos humanos, así como a súa difusión e o recoñecemento institucional e social das persoas asasinadas, desaparecidas, perseguidas e represaliadas durante o golpe militar, a Guerra Civil e a ditadura franquista no ámbito de Galicia”.