Patricia Iglesias reclama “autocrítica, empatía e sensibilidade” do responsable da Educación no Goberno galego para cumprir coas rateos mínimas de profesorado especializado en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias esixiulle hoxe ao conselleiro de Educación que cumpra coas rateos de profesorado especializado en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe nos centros da Costa da Morte. Iglesias levou ao Pleno do Parlamento as demandas da comunidade educativa destes concellos, que viron reducidas as prestacións educativas dos seus nenos e nenas por debaixo do mínimo imprescindible.
Iglesias, que interveu acompañada por representantes das anpas dos centros educativos da Costa da Morte que seguiron a sesión dende a tribuna de invitados, puxo enriba da mesa a redución de horas do profesorado destinado á Atención á Diversidade nos 3 centros educativos de Muxía, ou a supresión do mestre de Audición e Linguaxe -AL- de Laxe.
Apuntou que no colexio de Sardiñeiro seguen sen cubrir a praza asignada de Pedagoxía Terapéutica -PT-, mentres no colexio de vila de Cee nunca chegou o segundo mestre de PT, mentres na escola do Pindo carecen de especialista de AL e o mestre de PT quedou en media xornada.
Acusou ao conselleiro de “faltar á verdade sen inmutarse, facendo cero de autocrítica e amosado cero de empatía e sensibilidade” coas familias afectadas por estes recortes que están “postos en pé” protagonizando protestas ao longo de toda a Costa da Morte “con gran dignidade para defender os nosos principios e os nosos valores, como son a educación de calidade e a atención á diversidade”.
Advertiu que a Consellería de Educación incumpre as rateos establecidas para a asignación de profesores de Audición e Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica na Costa da Morte ao igual que en toda Galicia, onde reduciron un total de 80 docentes con destino provisional con relación ao curso pasado, “ao tempo que decidiron non responder ás necesidades de atención preferente de máis de 30 centros que así o demandaban”.