Leticia Gallego lamenta que o voto en contra do PP impide aprobar unha proposta socialista para apuntalar a un sector que “deixan morrer” coa “ineficacia e ineficiencia demostradas pola Xunta”
A portavoz de Comercio do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle á Xunta que poña en marcha este mesmo ano un Plan de emprendemento no comercio de proximidade dirixido á mocidade galega. A parlamentaria socialista denunciou que o voto en contra do PP impedira aprobar hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para apoiar a este sector que o goberno galego “está a deixar morrer”.
Criticou a “ineficacia e ineficiencia”, impasible mentres nos últimos anos desaparecen 2.700 pequenos negocios nos últimos anos, segundo a Unión de Traballadores Autónomos, e en febreiro deste ano o propio IGE revelaba a perda de 1.944 traballadores e traballadoras autónomos en Galicia. Alertou de que “o comercio está na UCI” e a Xunta asiste “como mero espectador” á desaparición do sector sen poñer en marcha máis que “meros parches”.
Gallego acusou ao Executivo autonómico de aumentar o programa de Ordenación, regulación e promoción do comercio interior de Galicia nuns escasos 7 millóns de euros nos orzamentos deste ano. Dixo que o Estado lle transferiu a Galicia en 2022 preto de 46 millóns de euros de orzamentos para autónomos e comercio, que contrastan cos 18 millóns que lle dedicou a Xunta ao sector o ano pasado.
O goberno de España, sinalou, remitiulle a Galicia 7,7 millóns de euros só para a transformación dixital, ademais de preto de 5.000 bonos de dixitalización por valor de 38 millóns de euros dirixidos a pemes, microempresas e persoas autónomas. Lamentou que teña que ser o goberno central quen poña medidas enriba da mesa mentres a Xunta, que conta coas competencias e con máis de 1.000 millóns de euros do Plan de Recuperación que “non sabemos a que os dedica”.
Esixiulle á Xunta que trate ao sector como estratéxico para a economía galega e poña en marcha “verdadeiras axudas directas” para afrontar o problema da falla de relevo xeracional e garantir a viabilidade dos pequenos negocios e proximidade.