Julio Abalde reclama sistemas de alerta e aviso para comunicar os momentos de baleirado sen risco ambiental e a comunicación do proceso
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, esixiulle hoxe á Consellería de Pesca que regule o baleirado de encoros para evitar a mortalidade masiva de marisco. O responsable socialista alertou de que a chegada masiva de auga doce polo baleirado de encoros coa marea baixa reduce drasticamente a salinidade da auga e provoca a mortalidade de bivalvos, moi sensibles a estes parámetros.
Abalde levou ao Parlamento o caso da ría de Noia onde a apertura imprevista provocou a mortalidade masiva do marisco. Advertiu que a falla de regulación da Xunta, unida á acumulación de áridos, provoca o descenso na profundidade dos fondos, polo que a chegada da auga doce pode provocar un descenso de salinidade brusco.
Apuntou que as actuais tecnoloxías da comunicación fan posible establecer sistemas de alerta e aviso para regular e comunicar aos sectores implicados cando se pode baleirar sen risco ambiental, e regular e comunicar o proceso. Esixiulle á Xunta que exerza as competencias exclusivas na xestión da maioría das concas hidrográficas de Galicia, e polo tanto é competente para redactar esa normativa.
Urxiu á Consellería de Pesca a deixar de perder un tempo do que o sector marisqueiro xa non dispón, polo que reclamou ademais axudas para paliar a caída drástica da produtividade, que está a deixar ás mariscadoras e mariscadores en terra. Apuntou que a situación está a ser dramática en pósitos como o de Arousa, onde a falla de ingresos está a provocar a redución drástica das persoas que teñen o marisqueo como actividade económica.