Julio Abalde urxe ao goberno galego a sumarse ao Programa de Incorporación de Talento Docente e Investigador para renovar a segunda plantilla máis envellecida do Estado, co 25 por cento do persoal por riba dos 60 anos
Reclama un programa propio do goberno galego para o rexuvenecemento do profesorado
O portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Julio Abalde, e a parlamentaria no Congreso Obdulia Taboadela, reclamáronlle hoxe ao goberno galego que aporte xa o a súa parte de financiamento para incorporar os novos profesores axudantes doutores ao Sistema Universitario de Galicia. Sinalan que Galicia só ten que aportar o 20 por cento dos 6,6 millóns de euros totais que custa a medida.
Abalde alertou de que no caso de que a Xunta continúe sen confirmar este financiamento, as universidades galegas non poderán programar a convocatoria de tódalas prazas previstas no Programa de Incorporación de Talento Docente e Investigador impulsado polo Goberno de España. Afeoulle á Xunta que non quixera apoiar o proxecto, que tivo que asinar pola presión das universidades, aportando o 20 por cento do financiamento fronte ao 80 por cento do Estado.
Criticou que a Xunta se resistira a esta iniciativa malia que ten a competencia exclusiva en materia de profesorado universitario, e esixiulle que abandone as críticas baleiras para poñer en marcha un plan propio de rexuvenecemento dos plantillas e doten de financiamento ás universidades.
Abalde explicou que Galicia conta coa segunda plantilla máis envellecida do Estado, tan só por detrás de Canarias, cunha idade media de 52,43 anos, por riba da media estatal de 50,51 anos, un ránking que lidera a USC como a Universidade coa maior media de idade. Ademais, alertou de que a cuarta parte do profesorado galego, máis dun millar de docentes, superan os 60 anos, co que o desleixo da Xunta provoca un “serio problema” pola falla de recambio diante das xubilacións.
O representante socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que reclama a Xunta de Galicia un plan propio de incorporación de talento docente e investigador do SUG. A situación do persoal de PDI das universidades galegas é preocupante: nos próximos 10 anos xubilaranse o 25 por cento do profesorado do SUG, e no caso da USC máis do 32 por cento.
Plan de choque
Subliñou a urxencia de que a Xunta se sume cun plan de choque propio complementario ao desenvolvido polo Goberno de Pedro Sánchez. Reclamoulle dotar ás universidades galegas dun horizonte de financiamento adicional aos fondos estruturais do plan actual que permita ir incorporando profesorado mozo que substitúa que se xubilará proximamente, sobre todo en aquelas areas máis envellecidas.
Esixiulle á Xunta que cumpra coas competencias exclusivas en materia de profesorado e asuma xa o custe das prazas de profesor ou profesora axudante doutor necesarias para cubrir esta medida, impulsada e financiada na súa maior parte polo Goberno do Estado, para que as universidades públicas do SUG poidan adaptar as seus planteis docentes ao establecido pola nova Lei de Universidades.
O responsable socialista subliñou que esta norma establece o principio de corresponsabilidade entre as administracións públicas para elevar o financiamento das universidades públicas, co que o Estado está a cumprir con esta iniciativa.
Obdulia Taboadela
A portavoz de Ciencia e Innovación do PSOE na Comisión de Ciencia no Congreso, Obdulia Taboadela, reclamoulle á Xunta que se sume xa ao Programa de Incorporación de Talento Docente e Investigador ás universidades públicas impulsado polo Goberno de España.
Explicou que este Programa establece un investimento do Goberno central de 150 millóns de euros anuais para contratar a 3.400 profesores en toda España, mentres que as comunidades autónomas deberán financiar outras 800 prazas para chegar a un total de 4.200 en todo o Estado. Esta medida pon fin á etapa de recortes orzamentarios impostos polo PP, que provocaron un recorte de 1.100 millóns de euros do financiamento das universidades públicas en só 5 anos.
As rebaixas orzamentarias, sinalou, danaron seriamente ao profesorado universitario, levaron á precarización a determinados colectivos, dificultaron a súa renovación, obstaculizaron a atracción de talento e impediron o rexuvenecemento do persoal.
Defendeu que a Lei Orgánica do Sistema Universitario, aprobada en 2023, pon as bases para modernizar as universidades a través dun novo modelo de profesorado baseado unha carreira profesional definida, transparente e sólida, e abrindo a porta a novo profesorado coa figura do profesor axudante doutor. Permite ademais consolidar o profesorado docente e investigador, con contratos estables e fixar mecanismos para combater a precariedade do persoal.