O Parlamento aproba a proposta do PSdeG para esixirlle á Xunta incrementar o investimento en I+D+i, consolidar unha carreira pública estable e garantir o cambio xeracional, a retención de talento e a igualdade
Leticia Gallego alerta de que dende 2016 a Xunta deixou sen executar 196 millóns de euros orzamentados para Investigación e Desenvolvemento
A Comisión de Industria aprobou hoxe por unanimidade a proposta socialista para esixirlle á Xunta que aumente o investimento e a execución en I+D+i como principal medida para frear a fuga de cerebros de Galicia. A portavoz de I+D+i do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle á Xunta que “dignifique” o traballo dos investigadores e investigadoras como primeira medida para a atracción e retención de talento científico en Galicia”.
Leticia Gallego sinalou que “Galicia ten talento que marcha porque a Xunta non fai os deberes, non axuda aos investigadores e investigadoras, e iso cústanos 300 millóns de euros que investimos tódolos anos na formación” dun persoal altamente cualificado condenado a “traballar en precario e cunha inestabilidade laboral inasumible”.
A responsable socialista esixiulle ao PP e ao goberno galego que cumpran co compromiso acadado hoxe “aposten pola ciencia, polos investigadores e polo futuro”, e advertiu que “ata que o goberno galego de Rueda non entenda que investir en I+D+i é investir en futuro, o futuro da ciencia en Galicia non mellorará”.
Gallego lembrou a obriga do goberno galego de “consolidar unha carreira pública estable e previsible para o persoal técnico e investigador equivalente á dos países máis avanzados”. Engadiu que “ademais de aumentar os recursos, a Xunta de Galicia debe garantir o cambio xeracional e a atracción e retención de talento, así como garantir o principio de igualdade efectiva entre mulleres e homes” na carreira investigadora.
Propuxo medidas como “a redución de cargas administrativas, afianzar a carreira profesional de científicos mozos que puideran acceder a unha praza fixa tras rematar o seu itinerario postdoc, e verdadeiras axudas para a contratación de persoal investigador no sector privado”.
196 millóns sen executar
Lamentou o escaso interese do goberno galego pola I+D+i, como evidencia que deixara sen executar ata 196 millóns de euros dos orzamentos previstos a estas partidas dende o ano 2016. A situación chega ao nivel, explicou, de que a mesma UE lle remitira unha advertencia á Xunta pola escasa execución das partidas I+D, o apartado con peor execución dos Feder para o período 2014 – 2020, cando só executaron o 31,5 por cento dos 213,5 millóns de euros dispoñibles para Galicia.
Explicou que o ano pasado tan só executou o 55 por cento do programa do Plan galego de I+D+i do seu propio orzamento, deixando sen investir 80 millóns de euros, que se suman aos 30 millóns de euros que deixaron gardados nun caixón en 2020, e os 86 millóns de euros sen executar no mesmo programa na pasada lexislatura.
Alertou de que Galicia continúa lonxe da media do Estado en gasto en I+D por habitante, con 232,6 euros fronte aos 328,6 do resto das comunidades autónomas, e moi por debaixo das que máis invisten, que son País Vasco -674,5 euros-, Madrid -607,2-, e Navarra -540,9-.
Explicou que esta proposta foi presentada hoxe coincidindo coa entrada en vigor da Lei de Ciencia, do Goberno de España, que “mellora claramente o sistema público de ciencia, tecnoloxía e innovación, mellorará as condicións laborais de milleiros de investigadores e investigadoras”. Un goberno, dixo, que mobilizará máis de 3.000 millóns de euros no Plan de Atracción e Retención de Talento Científico.
Anunciou que a taxa de reposición do persoal do sistema público de ciencia vai aumentar ata o 120 por cento, co que “por cada 10 investigadores que se xubilen, contrataremos 12”, en contraste cos 10.000 postos de traballos de científicos destruídos polo goberno de Rajoy entre 2012 e 2015.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
– O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a: