Patricia Iglesias advirte que o Concello está sen policía dende que en decembro remataron os auxiliares autorizados polo goberno galego, e que poñían sancións inventando os números de identificación
Santiago de Compostela, 07 de febreiro de 2025. A parlamentaria socialista Patricia Iglesias esixiulle á Xunta que cumpra coas súas competencias “medie, coordine e busque solucións para o problema da policía local no concello da Laracha”. Iglesias presentou unha pregunta na Comisión Institucional do Parlamento que se celebrou hoxe diante da situación do Concello, que leva 8 meses sen policía local, e dende decembro nin sequera traballan os auxiliares autorizados polo goberno galego.
Desafiou ao goberno galego a “explicarlle aos veciños e veciñas da Laracha que non vai haber policía para regular o tráfico nas saídas dos colexios, cando hai feira en Paiosaco, nas festas municipais ou no seguimento dos casos activos de violencia de xénero”. Esixiulle que deixe de “tirar balóns fora” e “busque solucións dende a cooperación entre administracións e a lealdade institucional”, cumprindo coa súa competencia na coordinación dos policías locais de Galicia.
Explicou que o Concello leva dende maio sen policía local, cando tódolos efectivos colleran a baixa médica, polo que o goberno galego autorizou o nomeamento de 3 auxiliares no mes de xuño por un prazo de 6 meses, polo que estiveron traballando ata decembro.
Sinalou que durante este período, no que a Xunta ten que supervisar o traballo destes efectivos, que impuxeron sancións e levantaron actas de denuncias falseando os números de identificación, xa que non teñen capacidade de levantar actas de denuncias por infraccións.
Iglesias emprazou ao goberno galego a deixar de “mirar para outro lado” fronte aos “indicios certos” de que os auxiliares “se extralimitaron nas súas funcións e non contaron coa supervisión dunha persoa titular da policía local”. Esixiulle que cumpra coa súa obriga de mediar para resolver o problema da policía local na Laracha e, de ser necesario, no nomeamento e supervisión dos auxiliares de policía.