Patricia Iglesias criticou que o novo regulamento europeo de materias críticas colleu ao Goberno de Rueda “co pé cambiado” e reclamoulle ao Executivo galego que elabore un censo mineiro e actualice en tempo real todos os dereitos
A deputada socialista puxo como exemplo do desleixo do Partido Popular a mina de coltán da Penouta: “Fallaron de maneira escandalosa no permiso de explotación e na declaración de impacto ambiental, e 129 familias quedaron sen traballo mentres a Xunta miraba para outro lado”
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025. O Grupo Socialista reclamoulle hoxe á Xunta no pleno do Parlamento de Galicia a elaboración dun censo mineiro e unha planificación do sector, e que remate coa continua “improvisación” que se está convertendo na “máxima” do Goberno do PP. A deputada Patricia Iglesias defendeu unha proposición non de lei a través da que tamén se esixe a actualización en tempo real de todos os dereitos mineiros da comunidade e un estudo e diagnose dos dereitos mineiros abandonados”.
Iglesias criticou que a Administración autonómica careza dunha planificación estratéxica da minería, “como tamén sucede no sector eólico ou cos proxectos industriais”, de modo que o modus operandi da Xunta é “comezar a casa polo tellado” e despois “botar balóns fóra”.
Porén, tal como recordou a parlamentaria do PSdeG, “a minería é estratéxica para Europa, como se establece no novo regulamento de materias críticas”, e en Galicia, esa norma colle ao Goberno do PP “co pé cambiado, coma sempre”, cun censo mineiro sen actualizar, as ordes do concurso de dereitos mineiros caducados en proceso (non se convocaban desde hai 14 anos) e sen un plan sectorial mineiro actualizado, algo ao que obriga a Lei.
“E logo temos unha sociedade, Recursos de Galicia, que é mixta, de colaboración público-privada, para substituír a política pública de xestión dos nosos recursos naturais”, censurou Patricia Iglesias sobre unha empresa que “enmascara a intención política de privatizar os recursos naturais de Galicia”. Lembrou, nese senso, o “tirón de orellas” que lle vén de dar á Xunta o Consello de Contas, que sinalou que esa sociedade “opaca” ten que transparentar a súa actividade.
A deputada socialista repasou, con varios exemplos, a situación do sector mineiro en Galicia tras 16 anos de gobernos do PP. Na mina de cobre de Touro, a Fiscalía vai solicitar penas de dous anos de cárcere e inhabilitación para os propietarios e administradores por presuntos delitos contra o medio ambiente. “E que fixo mentres o Goberno galego? Impoñer unha sanción ridícula e reabrir a tramitación dun novo proxecto de mina que xa contou cunha declaración de impacto ambiental negativa en 2021”, relatou.
Respecto da mina de coltán da Penouta, o Goberno galego “púxolle a alfombra vermella a unha júnior mineira sen comprobar a solvencia técnica e económica”, co resultado de que hai seis meses se abriron dilixencias penais por delito medioambiental, a consecuencia dos verquidos de metais pesados. “Fallaron de maneira escandalosa no permiso de explotación e na declaración de impacto ambiental, e 129 familias quedaron sen traballo mentres a Xunta miraba para outro lado, e o PP votou en contra do plan de viabilidade industrial e laboral para a comarca que os socialistas levamos á Comisión 6.ª deste Parlamento”, engadiu.
“Poderiamos seguir todo o día con máis exemplos, pero tan só hai que citar algúns nomes que amosan a falta de planificación mineira do Goberno galego: mina de ouro de Corcoesto, mina de San Finx, mina de feldespato de Muras ou o proxecto de restauración da explotación de Casalonga”, enumerou Patricia Iglesias.
Planificación e liderado na minería sustentable
A deputada socialista insistiu en que todo proxecto industrial, mineiro ou enerxético que queira implantarse en Galicia debe asentarse nunha boa planificación estratéxica e cumprir tres condicións: “Sustentabilidade ambiental, sustentabilidade económica e sustentabilidade social”.
“Os socialistas de Galicia cremos no liderado do noso país na minería sustentable, apoiamos sen complexos que o sector é estratéxico para lograr a autonomía que demanda a UE para depender menos de terceiro países e tamén dicimos ben alto e claro que é doado situarse sempre no non, pero debemos ter debates rigorosos”, afirmou.