Patricia Iglesias aféalle ao goberno galego que siga incluíndo nos Orzamentos a mesma partida que levan anunciando dende 2019 sen mover a primeira pedra
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias reclamoulle hoxe á Xunta que concrete “unha partida específica e con dotación suficiente” para empezar dunha vez as obras de mellora da seguridade do porto de Malpica. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca na que lle esixiu ao goberno galego que “deixe de enganar” aos veciños e veciñas desta localidade da Costa da Morte.
A parlamentaria socialista lembra que o goberno galego leva anunciando a mesma partida orzamentaria para mellorar o dique de abrigo do porto dende o falecemento dun mariñeiro a finais do ano 2018. Sen embargo, a día de hoxe “case seis anos despois seguimos a esperar polas actuacións prometidas”, que ano tras ano e Orzamento tras Orzamento demóstranse como “anuncios propagandísticos” sen base real.
Iglesias esixiulle ao goberno galego que “deixen de enganar” coa escusa de “dificultades técnicas” e poñan en marcha “unha solución viable a longo prazo que mellore as condicións de seguridade do porto da vila pesqueira referencia da Costa da Morte”. Lembra que nos orzamentos de 2023, 2024 e 2025 “non se recolleu ningunha partida con dotación suficiente para asegurar a execución da obra a medio e curto prazo.
Acusou ao goberno galego de “demostrar cada ano que a aposta política pola Costa da Morte, e sinaladamente por Malpica, non é prioritaria para o goberno galego”, polo que esixiu “unha partida específica e dotación suficiente” para comezar coas obras. Reclamoulles que concreten as opcións para a mellora da seguridade da dársena que teñen que anunciado dende Portos de Galicia, pero que sen embargo non se traduciron na licitación da redacción do proxecto.