Patricia Iglesias advirte que o goberno galego obrigará a parar a metade da potencia eólica de Galicia durante os próximos 8 anos para renovar os dispositivos sen apoio económico
A portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que consensúe co sector eólico e os concellos medidas de fomento e incentivos para os programas de renovación dos aeroxeradores. Alertou de que a Lei de Acompañamento obriga a parar nos próximos 8 anos a preto da metade da potencia eólica en funcionamento en Galicia para substituír estes dispositivos.
Iglesias reclamoulle ao goberno galego que poña en marcha unha liña de axudas públicas con fondos propios para os programas de repotenciación circular, que inclúan tanto a substitución de aeroxeradores como a capacidade para reciclar todo o seu volume de residuos. Pide ademais que as fases, os requisitos técnicos e os incentivos sexan desenvoltos no prazo dun ano coa participación de tódolos sectores implicados.
Instou á Xunta a “deixar de actuar como elemento disuasorio para a enerxía renovable” en Galicia e acompañe esta obriga, incorporada á Lei de Acompañamento aos Orzamentos deste ano, dun apoio decidido ao sector. Advirte que as medidas, impostas sen consenso, incrementan aínda máis a inseguridade xurídica do sector, que ten preto de 70 parques suspendidos polo TSXG, moitos deles polo incumprimento dos criterios de sustentabilidade ambiental por parte do Executivo.
O goberno galego incluíu na Lei de Acompañamento as repotenciacións obrigatorias para os parques de máis de 25 anos, que supoñen 2.007 MW en Galicia producidos por 2.888 muíños en 86 parques, o 45 por cento da potencia eólica en funcionamento en Galicia actualmente. Unha medida que deriva da normativa comunitaria que “é positiva, pero en Galicia vai ser imposta con improvisación e sen escoitar ao sector, aos concellos nin aos veciños e veciñas”.
No canto de incentivar a renovación dos aeroxeradores con axudas, o executivo autonómico “impón a reciclaxe obrigatoria de forma unilateral e sen rigor técnico”. Recomendoulle que siga o procedemento do Estado, que acompaña a medida con axudas para a repotenciación circular eólica e a reciclaxe de pas dos aeroxeradores, destinando 57,7 millóns de euros para 25 proxectos en Galicia.
Advertiulle ao goberno galego que “tomen en serio” á enerxía renovable e “deixen de facerlle dano” á industria coa súa “falla de política enerxética” e a “teima de tomar decisións a base de bandazos” dende a paralización do concurso eólico en 2009, que deixou fóra do desenvolvemento eólico 2.325 MW e máis de 5.000 millóns de euros en investimentos.
Esta paralización supuxo que os galegos e galegas tiveran que soportar o pago de preto de 200 millóns de euros polas demandas de responsabilidade patrimonial das empresas promotoras afectadas. 16 anos despois, engadiu, o goberno galego leva 13 modificacións á Lei do Sector eólico, ten preto de 70 parques eólicos suspendidos e todo un sector sumido na inseguridade xurídica e un caos sen precedentes.