Carlos López Font reclámalle ao goberno galego que “aplique o mesmo que pide” para as autoestradas do Estado, e lembra que están obrigando a pagar 1.200 euros ao ano en peaxes a un traballador que fai A Coruña – Carballo cada día
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Carlos López Font, esixiulle hoxe á Xunta que suprima as peaxes das autoestradas de titularidade autonómica AG-55 -A Coruña – Carballo- e AG-57 -Val Miñor-. O responsable socialista reclamoulles que “abandonen o cinismo e a hipocrisía” e “apliquen o mesmo que piden para as autoestradas do Estado”.
O parlamentario socialista instou ao goberno galego a aplicar nas autoestradas da súa competencia unhas bonificacións como mínimo semellantes ás que ten implantado o Estado na AP-9. Mentres o goberno central situou esta vía no camiño da gratuidade, bonificando o 75 por cento das peaxes, o goberno de Rueda tan só bonifica o 25 por cento, co que un traballador que viaxa entre A Coruña e Carballo ten que pagar 1.200 euros ao ano aínda con axudas.
Advertiu que se non aplican os mesmos criterios que lle están a reclamar ao Estado demostrarán que “é un goberno ao que lle falta o sentidiño”, sinaladamente logo de ter pagado 300 millóns de euros de tódolos galegos e galegas para rescatar 4 autovías que non supuñan ningún custe para os cidadáns que as utilizan, senón que “favorecen os intereses das construtoras”.
Ao mesmo tempo, foron “moi rápidos” para encargar un estudo económico do custe do rescate da AP-9, pero non fan o mesmo para as autopistas de titularidade autonómica. Cualificou de “esperpento” a posición do PP con esta autoestrada, logo de que fora Aznar quen privatizara e ampliara a concesión por 25 anos, polo que “hoxe pagamos as peaxes polas decisións políticas do PP”, que fixo un “regalo aos intereses privados castigando o interese público”.