Leticia Gallego critica que o sistema escollido, de concorrencia non competitiva, reparte as partidas en función da orde de chegada, e deixou fora á Festa do Gaiteiro en Soutelo de Montes e a Festa do Choco de Redondela no ano 2022
A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle hoxe á Xunta que mude o sistema de concesión de axudas aos concellos polas festas de interese turístico para garantir a “máxima transparencia e igualdade” no reparto das subvencións. Gallego presentou unha pregunta oral en Comisión na que advertiu que o modelo de concorrencia non competitiva supón un reparto “por orde de chegada”.
Gallego explicou que este modelo beneficia aos concellos que dispoñen de información sobre a apertura dos procesos de axudas, xa que estes son pechados no momento en que remata o remanente previsto. Por iso reclama que se mude polo sistema de concorrencia competitiva, que garante a “transparencia e igualdade de oportunidades” na concesión das subvencións.
A responsable socialista explicou que certames como a Festa do Gaiteiro de Soutelo, no concello de Forcarei, ou a Festa do Choco de Redondela, quedaron o ano pasado fora das axudas malia ter a distinción de Festa de Interese Turístico Galego, e a que viñan contando coas axudas para apoiar á súa promoción e a difusión.
Sinalou que “tódolos concellos son iguais” e que “independentemente da cor política merecen ter subvencións convocadas pola dirección xeral de Turismo do goberno galego para as festas de interese turístico”, e reivindicou que os veciños e veciñas “merecen ter as mesmas posibilidades de acceso ás subvencións”.