Julio Torrado advirte que “o problema non é puntual e as solucións non poden ser puntuais agardando a que pasen as cousas para logo intentar ir amañando”
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, esixiulle hoxe á Xunta que tome “intervencións decididas” para loitar contra a caída drástica da produción marisqueira. O responsable socialista lamentou o voto en contra do PP no Parlamento a unha proposta para reclamar intervencións combinadas por parte do goberno, incluíndo unha liña permanente de axudas e paros subvencionados para os sector.
Torrado advertiu que “o problema non é puntual e as solucións non poden ser puntuais esperando a que pasen as cousas para logo intentar ir amañando a ver se conseguimos titulares”. Advertiu que o sector do mar e do marisqueo están “desesperados” diante dun grave problema de caída da produción “reiterado, constante e permanente”, e urxe “celeridade, intervención e decisión dun goberno que ata o de agora foi incapaz”.
Sinalou que “levamos 15 anos recibindo datos de que as rías están esmorecendo”, o que provocou que Galicia pasara de 6.500 a 3.500 Permex, e advertiu que “os profesionais, os investigadores e os expertos no marisqueo saben das cousas que podemos facer e intervir”.
Reclamou un plan urxente que inclúa dragaxes regulares dos fondos, compra de semente ou o control do baleirado de encoros para evitar a caída drástica da salinidade, mentres a Xunta “fai de todo para non intervir” sobre as hidroeléctricas.
Tamén pediu unha liña permanente de axudas ao sector que permita axilizar os procesos nos paros obrigados polo estado das rías, así como un paro subvencionado de longa duración que permita a rexeneración da produción para abrir mellores perspectivas a medio e longo prazo.