Lara Méndez reivindicou durante unha visita a unha adega da denominación de orixe “unha maior implicación” por parte do Goberno galego cunha zona que aspira a ser patrimonio mundial
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, criticou hoxe a falta de axudas autonómicas á viticultura tradicional da Ribeira Sacra pese á súa singularidade e a que “a orografía tan complexa na que se desenvolve incrementa os custes de produción”. Durante unha visita ao Concello de Monforte e á Adega Algueira, en Doade, reinvindicou “unha maior implicación” por parte da Xunta coa zona, especialmente tendo en conta a aposta por que acade a distinción de patrimonio mundial.
Méndez, que estivo acompañada polos concelleiros Gloria Prado, membro da Executiva do PSdeG, e José Luis Losada, secretario de organización da agrupación de Monforte, avanzou o contido da iniciativa que o Grupo Socialista levará mañá á Comisión de Agricultura do Parlamento. “Imos preguntar se a Xunta vai dedicar unha liña de axudas específicas para contribuír a dinamizar a viticultura tradicional, a tamén denominada viticultura heroica”, explicou. Nese senso, lembrou que en outras comunidades, como Canarias, existen ese tipo de subvencións, “que van dos 2.310 aos 2.530 euros por hectárea”, e que en rexións como Aosta (Italia) ou Azores (Portugal) se teñen en conta dende a Administración as condicións peculiares das viticulturas extremas. “Iso tamén se pode facer dende a Xunta”, asegurou.
A través da pregunta oral, a viceportavoz tamén se interesará polo recoñecemento de novas parcelas, de xeito que se poidan incorporar á denominación áreas agora abandonadas; se hai previstas medidas para formación e captación de persoal cualificado, e se a Xunta traballa nunha estratexia de impulso a novas canles de comercialización da denominación de orixe.
Lara Méndez lembrou que o o sector do viño é o motor económico máis importante da zona, que contribúe a asentar poboación e a dinamizar o rural, “tamén dende o punto de vista turístico e do cultural”, e matizou que, ademais do seu potencial económico , “contribúe a manter o medio ambiente e a ter en produción as terras”. Do mesmo xeito, puxo en valor o traballo que se fixo dende a Deputación de Lugo, “que iniciou Besteiro e continuou o presidente Tomé, para conseguir ese distintivo de patrimonio mundial e así promocionar un territorio singular, unha forma de traballo singular e unha viticultura singular”.
Coa iniciativa que mañá se debaterá no Parlamento, “veremos se a Xunta está comprometida coa Ribeira Sacra”, concluíu a viceportavoz socialista.