Marina Ortega advirte que, de confirmarse esta acusación, a conselleira “non pode seguir un minuto máis no posto”
Puntualiza que “o que está en cuestión é a vulneración dos dereitos fundamentais das persoas maiores que viven nas residencias”
A portavoz de Política Social, Marina Ortega, esixiulle hoxe á conselleira de Política Social que pida unha Comisión de Investigación “rigorosa e urxente” logo das acusacións de chivatazos antes das inspeccións da Xunta ás residencias de maiores. Ortega levou ao Pleno do Parlamento esta “gravísima acusación” emitida en agosto pola Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais de Galicia.
Denunciou que o goberno galego ofreza unha “negativa sen informes, argumentos, datos nin proposta de investigación algunha” logo destas acusacións. Alertou de que os técnicos sinalan a dous altos cargos, incluída a conselleira de Política Social en persoa, de quen din que “permite que as visitas da inspección se coñezan de antemán nas residencias de maiores a inspeccionar”, presuntamente “para tapar as posibles irregularidades”.
A parlamentaria socialista advertiu que “se a denuncia do corpo de inspección é certa” a conselleira “non pode seguir un minuto máis no posto”. Emprazou á conselleira de Política Social a facer “a proba do algodón” e, engadiu, “se está tan segura de que ten razón solicite hoxe mesmo unha investigación para esclarecer os feitos diante da cidadanía”.
Ortega deu valor á palabra dos inspectores, que “é obxectiva e imparcial” tal e como “a presunción de veracidade que teñen cando exercen á súa actividade como funcionario da inspección”. Dixo que estes presuntos chivatazos, que xa foran denunciados polo presidente da Asociación Galega Vellez Digna xa en 2019, de ser certos trátase de “algo totalmente irregular e gravísimo” por canto “vulneran os dereitos fundamentais das persoas maiores que viven nas residencias”.
Cambio de modelo
A responsable socialista emprazou á conselleira de Política Social a “cambiar o modelo” nas residencias de maiores, que o goberno galego leva anunciando dende hai 3 anos sen tomar unha soa decisión e mesmo “indo para atrás” a lo menos durante as últimas dúas lexislaturas. Afeoulle que non incrementaran unha soa praza pública, se negaran a aumentar o persoal e mellorar as súas condicións, e “tampouco escoitaran ao sector, ás familias nin ás traballadoras”.
Lembrou que as eivas do modelo residencial galego ven sendo obxecto de análise dende hai máis dunha década cando en 2017 o Consello de Contas alertara da drástica caída nas inspeccións a pesares do aumento de prazas privadas.