Noa Díaz denuncia “un incremento significativo e preocupante” no número de delitos sexuais nos últimos 5 anos, que urxen a “reflexionar e avaliar” as medidas postas en marcha ata o de agora
A responsable de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de esixir á Xunta máis campañas de prevención e sensibilización sobre a violencia sexual, xa que “se as cifras se incrementan, algo non se está facendo ben”. Fíxoo nunha pregunta á conselleira de Igualdade que presentou hoxe no Pleno do Parlamento.
Díaz denunciou “un incremento preocupante” no número de delitos sexuais nos últimos 5 anos en Galicia, tal e como sinalan os datos oficiais achegados pola Fiscalía Superior de Galicia. Ademais, incidiu en que ese incremento foi “significativo” nos anos 2017 e 2018, e “sen ter rematado o cómputo de datos de 2019, os que se poden atisbar son arrepiantes”.
A responsable socialista incidiu na necesidade de “reflexionar e avaliar” as políticas postas en marcha ata o de agora. Así, sinalou que “fan falla” medidas concretas como accións directas sobre a poboación ou campañas de sensibilización “adaptadas a cada realidade e a cada grupo social”, como campañas específicas para homes ou xente nova, que expoñan temas como a prostitución ou as relacións a través de redes sociais. “Menos cartos para campañas de Sentidiño e máis para igualdade”, aseverou.
Díaz calificou de “insuficientes” os esforzos en materia de prevención da violencia machista por parte do goberno autonómico que centra as súas accións na asistencia, “pero non na prevención”. A socialista sublitou a necesidade de combater a violencia sexual “educando” e “sensibilizando” en fogares, escolas ou institucións.