Elena Espinosa lembrou no Parlamento que o Hospital Álvaro Cunqueiro conta con menos camas e quirófanos dos previstos inicialmente, o que agrava a precariedade asistencial
A deputada socialista no Parlamento de Galicia, Elena Espinosa, interpelou hoxe ao Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sobre o grave deterioro das listas de espera na área sanitaria de Vigo, que continúa empeorando sen que o Goberno da Xunta adopte medidas eficaces para reverter a situación.
Os últimos datos oficiais, correspondentes a xuño de 2024, confirman o incremento dos tempos de espera en cirurxías e consultas especializadas con respecto a decembro de 2023. Actualmente, na área sanitaria de Vigo hai 68.771 persoas en lista de espera, unha cifra que supera a poboación de Ferrol. Ademais, o tempo medio de espera para unha consulta de psiquiatría ascende a 112 días, mentres que para un TAC ou un estudo de otorrinolaringoloxía pode chegar aos 232 días.
Espinosa advertiu de que esta situación é consecuencia directa da falta de planificación e xestión do Goberno da Xunta, que non foi quen de reforzar os recursos sanitarios tras a pandemia. A deputada lembrou que o Hospital Álvaro Cunqueiro conta con menos camas e quirófanos dos previstos inicialmente, o que agrava a precariedade asistencial.
“Que pensa facer o Conselleiro de Sanidade para reducir estas listas de espera?”, preguntou Espinosa, esixindo accións concretas e urxentes. “Se non ofrece explicacións convincentes, quedaremos coa certeza de que esta situación é froito da nula vontade política do Goberno da Xunta para mellorar a sanidade pública en Vigo”, engadiu.
A parlamentaria socialista instou ao conselleiro a deixar de eludir responsabilidades e a asumir que única resposta posible é o incremento de recursos para o sistema sanitario. “Iso foi precisamente o que lle reclamaron máis de 62.000 persoas que saíron ás rúa de Vigo recentemente. E non, non eran os de sempre como dixo Rueda, eran cidadáns galegos defendendo a sanidade pública e de calidade”, subliñou.
Espinosa lembrou que onte mesmo o Defensor do Paciente denunciou a situación das listas de espera en Galicia, que se sitúa como a quinta comunidade autónoma con maior demora na atención sanitaria. Ademais, advertiu de que os usuarios da área sanitaria de Vigo levan anos sufrindo un trato discriminatorio e probas de “inventos sanitarios” que non se aplican noutras zonas de Galicia.
“Os feitos son os que son, e a percepción de discriminación na asistencia sanitaria en Vigo non desaparece. O conselleiro ten que rectificar e adoptar medidas inmediatas para garantir unha atención digna e en tempos razoables”, concluíu Espinosa.