Noa Díaz lamenta “falla de análise” ante uns datos de violencia machista e sexual “terribles” e “accións de pouco alcance”
A responsable de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, esixiu á Xunta incrementar o orzamento para violencia machista con fondos propios para 2021. Díaz, que interveu trala comparecencia da secretaria xeral de Igualdade no Parlamento, lamentou que a Xunta “non avalíe nin analice” os datos existentes para extraer ideas que se “deben converter en accións políticas” que estean “lideradas de maneira directa pola Xunta” á vez que mostrou a súa preocupación polo “escaso alcance” das medidas.
Díaz urxiu a crear unha “verdadeira” rede de centros de información á muller, que “sexa a garantía dun servizo integral ás mulleres” dos 313 concellos galegos e que asegure unha dotación económica “suficiente” para cubrir o seu funcionamento, sen as limitacións actuais de 45.000 euros por centro. Así, lamentou que hai 5 comarcas que “aínda non teñen servizo de CIM”.
Neste senso, instou á Secretaría Xeral a seguir as consideracións publicadas onte nun informe da FEGAMP que urxe unha estratexia para determinar “criterios de emprazamento e prestación de servizos” dos CIM, que teñan en conta factores como xeografía, densidade poboacional e características sociodemográficas. Ademais, pediu unha reforma lexislativa que fixe cocientes profesionais en función da poboación ou demanda.
A responsable socialista incidiu tamén en pór a atención nos programas de inserción laboral das mulleres vítimas, de xeito que se controle “con rigor” o procedemento para evitar que sufran unha “revitimización” nos seus lugares de traballo.
PRESTACIÓNS A VÍTIMAS DE VIOLENCIA MACHISTA
Díaz esixiu á Xunta facer seguimento das solicitudes de prestación a vítimas de violencia machista que son denegadas, “tendo en conta a gravidade do asunto”. Así, subliñou a necesidade de pór “máis recursos de axuda ou alixeirar a burocracia, facendo moito máis doados os trámites para unhas mulleres en franca situación de vulnerabilidade”.
Por último, volveu criticar a falla de análise de datos que permitan extraer conclusións por parte da Xunta e esixiu unha avaliación que permita “interpretar cualitativamente” os datos.