Reclama unha “aposta real e compromiso económico” que atenda á alta demanda para facer da cidade un referente da ximnasia
A parlamentaria socialista Carmen Dacosta denunciou hoxe que o desleixo de Xunta e Concello están á deixar á cidadanía ourensá sen pavillón polideportivo especializado en ximnasia. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na Comisión de Educación do Parlamento para pedirlle á Xunta que garanta os orzamentos para realizar estar obra no sur da cidade, e que foi rexeitada polo PP.
Dacosta lembrou que a Xunta é a administración responsable de dotar aos deportistas dos espazos axeitados que cumpran coas garantías de calidade, accesibilidade universal e seguridade, e Ourense precisa deste servizo para darlle saída á “alta demanda, óptimos resultados e condicións paupérrimas” da ximnasia. Sinala que a cidade é un “referente histórico” nesta modalidade deportiva, e “xa é hora de que teña un pavillón específico adaptado ás súas necesidades”.
Lembra que só foi durante o goberno de socialistas e nacionalistas en Ourense cando lle deron un pulo ao proxecto, realizando os traballos previos para a elaboración dun Plan Director e o estudo xeotécnico para o seu emprazamento. Dende entón nin PP nin Democracia Ourensana foron quen de tomarse en serio o proxecto, ata o punto de que o actual alcalde a comezos de xuño un proxecto sen concreción orzamentaria nin solicitar a colaboración económica doutras administracións.
Carmen Dacosta lamenta o desinterese amosado polo goberno galego, que nunca atendeu ao compromiso subscrito polo delegado territorial en febreiro de 2014, anunciando un polideportivo na finca Mariñamansa, cun suposto investimento de 3 millóns de euros para un polideportivo multiusos, que contaría coa colaboración da Deputación de Ourense. Sen embargo, sinala que ningunha das dúas administracións pasaron das palabras aos feitos, e os ourensáns seguen sen a infraestrutura.