A vicevoceira do grupo socialista, Leticia Gallego, denunciou este venres que o sector do comercio está nunha situación crítica debido ao abandono da Xunta, polo que pediu que se habiliten máis axudas para mantelo. Así mesmo, criticou que deixaran sen executar máis dun 83% do programa de promoción do comercio interior galego.
A parlamentaria socialista levou á cámara galega a situación do comercio de proximidade galego, que “está a desaparecer” pola falta de implicación da Xunta. Xa que ante un contexto con grandes dificultades, polo aumento dos custes, pola competencia das grandes cadeas, porque non hai relevo xeracional, ao que o goberno galego “fai oídos xordos” ás demandas dos pequenos comercios.
Leticia Gallego cre que ante o peche de 1.500 comercios en Galicia que denunciaron a Asociación de Traballadores Autónomos de Galicia evidencian “a renuncia ao emprendemento dende a Xunta”. Este dato súmase aos 2.600 autónomos menos que había na comunidade autónoma a finalizar o terceiro trimestre do 2022. É por estas cifras das que alerta a deputada socialista, polo que esixiu que se poñan en marcha “verdadeiras axudas directas” para este sector.
Entende que as axudas habilitadas polo de agora por parte da administración galega son “insuficientes” e “chegaron tarde, mal e arrastro”, polo que cualificounas de “chapuza”. Reivindicou que levan anos reclamando que se den “axudas potentes e non meros parches” que axuden ao comercio de proximidade a “saír da crise na que levan anos”, xa que para Gallego “o sector do comercio está na UCI”.
A representante socialista fixo referencia ao programa 751A Ordenación Regulación e promoción do comercio interior en Galicia, do que a Xunta deixou sen executar o 83,3% do orzamento, con datos do terceiro trimestre de 2022.
Confrontou a actitude da Xunta, coa do goberno de España, xa que mentres o executivo galego destinou 18 millóns de euros o ano pasado en subvencións a autónomos e o sector do comercio, o goberno do Estado empregou 46 millóns de euros en estas axudas. Isto faise máis sangrante para a deputada ao ser unha competencia autonómica.
Leticia Gallego reivindicou a importancia deste debate polo “gran número de postos de traballo que están en xogo”, así como o papel vertebrador do mundo rural e na loita contra o despoboamento que ten o comercio local en Galicia.