Arangüena calificou de “desvergoña” e “cinismo” que a Xunta “lle bote a culpa ao Concello de Pontedeume” e esixa responsabilidades á Deputación sobre o Eume: “Só lles falta pedirlle a Ursula von der Leyen que apareza en Pontedeume a botarlles un capote”
Denuncia o “capitalismo de amiguetes” en casos como o dos ex conselleiros de Medio Ambiente, Carlos del Álamo e Beatriz Mato, que “traballan actualmente en Ence e GreenAlia, favorecidas directamente polas políticas da Xunta”
O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, denunciou hoxe as políticas medioambientais “ao servizo dos intereses de empresas contaminantes, hidroeléctricas e afíns ao PP”. Así o fixo trala comparecencia no Parlamento da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en relación a situación de turbidez do río Eume.
O socialista denunciou a benevolencia da Xunta neste episodio como “un mero capítulo máis dun libro chamado capitalismo de amiguetes, que fai que o ex conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, remate como conselleiro coordinador do Consello de Administración de Ence; e que a ex conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, remate como directora de responsabilidade corporativa de GreenAlia, unha empresa á que favoreceu por acción, por omisión e de todos os xeitos posibles cando era conselleira”.
Neste senso, Arangüena calificou de “desvergoña” e “cinismo” que a Xunta “lle bote a culpa ao Concello de Pontedeume” e esixa responsabilidades á Deputación da Coruña, cando é o goberno galego “a autoridade competente para xestionar un problema de contaminación”. “Só lles falta pedirlle a Ursula von der Leyen que apareza en Pontedeume a botarlles un capote”, aseverou.
Doutra banda, o responsable socialista denunciou que a instalación da barreira anticontaminante no punto de captación das augas do concello “é moi vistosa ante a prensa, pero ineficaz”, xa que “este dispositivo mecánico moi dificilmente pode evitar a contaminación suspendida na auga”.
Ademais, Arangüena lembrou que diversos colectivos ecoloxistas “denuncian dende hai moitos anos que os lodos acumulados no fondo do encoro son un perigo potencial para o Parque Natural das Fragas do Eume, así como para a ría de Ares”, xa que “poden conter todo tipo de materiais e sustancias tóxicas asociadas a contaminación que vén de augas enriba do encoro, incluíndo as derivadas da actividade mineira e industrial”.
Arangüena sinalou tamén as denuncias “reiteradas” de colectivos ecoloxistas e pescadores polo “incumprimento da obriga de manter o caudal ecolóxico por parte de Endesa”, que “mantivo practicamente seco un tramo de 4 quilómetros do río durante décadas” dentro do espazo do parque natural, “ante a pasividade e inacción da Xunta”, unha situación “digna de república bananeira”.
O responsable socialista lembrou que o vindeiro 30 de decembro “remata o prazo do pacto ambiental asinado pola Xunta con Endesa”, que “inclúe entre os seus obxectivos a modernización das infraestruturas hidroeléctricas para a recuperación ambiental do río”, pero “non sabemos se ese pacto inclúe algún tipo de actuación relativa ao embalse”.
“É UN PROBLEMA MEDIOAMBIENTAL”
Doutra banda, Arangüena criticou que a comparecencia sobre o Eume a realizase a conselleira de Infraestructuras, en vez de a conselleira de Medio Ambiente e recalcou que “o río non é unha infraestrutura nin unha canalización de auga”. Así, lamentou que a Xunta trate o tema “cun enfoque erróneo, xa que falamos dun problema medioambiental”, que se produce “dentro dun parque natural”, cuxa “xestión é competencia da Xunta”.
UNHA PROPOSTA DO BNG “FÓRA DA REALIDADE”
O responsable socialista calificou como “fóra da realidade” a proposta do BNG de mobilizar 250 millóns de euros para recuperar o río Eume, o que exemplificou realizando unha comparativa coa “recuperación e rexeneración ambiental da ría do Burgo, unha obra certamente complexa e ambiciosa, que ten un orzamento de 48 millóns de euros”.
Finalmente, Arangüena propuxo que “despois de 23 anos da creación do Parque Natural se aprobe, dunha vez, o seu plan de xestión, que se dote orzamentariamente, se evite a eucaliptización e, en paralelo, se proceda á rexeneración integral de toda a cunca do Eume, para o cal non son necesarios 250 millóns de euros”.