Marina Ortega lamenta que a provincia “leva máis dunha década sendo vítima da desidia política e do esquecemento do PP”
Califica as contas de “totalmente insuficientes” na provincia “máis castigada por Feijóo”
A deputada ourensana Marina Ortega vén de denunciar “o desprezo” da Xunta nos Orzamentos 2021 para Ourense, que “leva máis dunha década sendo vítima da desidia política e do esquecemento do PP”. Así, a socialista calificou as contas de “totalmente insuficientes” na provincia “máis castigada por Feijóo”.
Ortega denunciou as “promesas incumpridas”, como o Centro de Saúde do Vinteún e Mariñamansa ou o proxecto do hotel balneario; “unha partida insuficiente” para o ecobarrio ou “os cero euros” destinados ao Plan Termal de Ourense. Ademais, lamentou que hai “comarcas totalmente esquecidas e condenadas ao ostracismo” nuns “orzamentos inservibles para atender os problemas reais da provincia” que “esquecen o rural”.
A responsable socialista lamentou que “a pesar de que a Xunta ten unha capacidade de gasto moito maior que en 2020”, nos orzamentos “non se abordan partidas para o desenvolver o reto demográfico, importantísimo para unha provincia que lidera os peores datos demográficos”.
Ortega denunciou tamén que os orzamentos “non invisten en infraestruturas de reequilibrio territorial”, “esquecen os investimentos en desenvolvemento industrial” e “tampouco priorizan ningún proxecto relevante para que a provincia poida captar fondos europeos”. Así, lamenta que non haxa “ningunha inversión de calado”, o que supón “un desprezo” por parte do goberno galego.
Doutra banda, a socialista sinalou que “as contas ofrecen a dúbida de que o orzamentario realmente se execute, xa que a pasada lexislatura a Xunta prometeu o centro de atención para persoas con discapacidade”, sendo Ourense a única provincia que non conta con dita infraestrutura, o que “é lamentable para estas persoas e as súas familias.
Por último, a socialista incidiu en que os orzamentos “non blindan servizos como sanidade ou educación”, mesmo “tendo en conta no contexto no que nos atopamos” na actualidade.