Carlos López Font esíxelle ao goberno galego que aporte fondos propios para atender tódalas solicitudes do Bono Alugueiro Mocidade, ao que “non destinan un só euro dos Orzamentos”
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Carlos López Font, criticou hoxe o desleixo do goberno galego en materia de vivenda, como evidenciou onte o DOG, que confirma a denegación de 12.258 das 16.740 peticións de axudas do programa de axuda ao aluguer de vivenda. Así o dixo no debate dunha interpelación no Pleno do Parlamento sobre a falla de interese do Executivo sobre o Bono Alugueiro Mocidade.
López Font esixiulle á conselleira de Vivenda “máis implicación e menos confrontación co Estado”, e reclamoulle que aporte fondos para atender tódalas solicitudes do Bono Alugueiro Mocidade, financiado integramente polo goberno central pero que é xestionado pola Xunta, a quen lle reclamou que “non deixen tirado a ninguén”.
Explicou que este programa é financiado con 13 millóns de euros, dos que 11,4 foron enviados polo Estado e a Xunta, que ten a competencia en Vivenda, empregou 1,4 millóns do que lles sobrou da convocatoria de 2022, tamén financiada polo Estado. Afeoulles que non destinen un só euro de fondos propios para axudar aos mozos e mozas galegos a conseguir unha vivenda, co que que na anterior convocatoria só concederon 5.000 axudas dun total de 14.000 solicitudes.
Acusou ao goberno galego de deixar milleiros de mozos e mozas fora do programa pola súa falta de implicación, e esixiulle ao goberno galego que aporte como mínimo a mesma contía que destina o goberno central, o que permitiría axudas para todos aqueles que o soliciten.
Fondos dispoñibles
Advertiu ademais que o goberno galego ten dispoñibles fondos abondo para afrontar este investimento, xa que deixaron sen executar preto do 90 por cento do Programa de Acceso á Vivenda, segundo os datos oficiais do terceiro trimestre de 2024, os últimos publicados. Puntualizou que a falla de compromiso da Xunta coa situación da vivenda en Galicia mídese nos 270 millóns de euros que deixaron sen executar nas políticas de vivenda nos últimos 15 anos.
Explicou que malia que a Xunta ten a competencia exclusiva en vivenda, 2 de cada 3 euros investidos en Galicia en vivenda foron achegados polo Estado e, dos 564 millóns de euros executados no período 2021 – 24, 35 procedían do Estado e a Xunta tan só dispuxo do 38 por cento restante. Advertiu que a Xunta debera ter aportado 136 millóns de euros máis para equiparar o esforzo do Estado e incrementar o investimento ata os 700 millóns de euros.