Begoña Rodríguez Rumbo esíxelle á Xunta “luz, taquígrafos e explicacións” de como se creou esta sociedade da que aínda non se sabe se é pública ou privada pero que xa recibiu unha inxección de catro millóns e medio de euros
Os socialistas tamén piden aclaracións sobre a elección do director xeral para unha empresa que a día de hoxe non ten obxecto nin finalidade ao non estar aprobada a lei que a ampara
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe á Xunta de Galicia de agochar toda a información sobre a constitución da sociedade Recursos de Galicia -RdG-, da que aínda non se sabe si é pública ou privada, pero que “xa recibiu unha boa inxección de cartos públicos”. Rodríguez Rumbo defendeu esta tarde unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que denunciou a falla de transparencia do goberno galego e esixiu “luz, taquígrafos e explicacións”.
A responsable socialista quere saber “que é o que ten que agochar” a Xunta no procedemento de constitución desta sociedade coa que van explotar os recursos naturais de Galicia que “ata onde coñecemos é de dubidosa legalidade porque non existe ningunha lei que a ampare”.
Lembra que o ente foi creado antes que a lei que a define, que aínda será presentada mañá no Consello da Xunta, co que nin sequera iniciou o trámite parlamentario. “É un escándalo que a Xunta siga sen facer público o procedemento de creación e constitución da mesma”.
Ademais, sinalou que o director xeral de “Recursos de Galicia” era o CEO dunha das empresas que participan na Sociedade Impulsa Galicia, que decide autocontratarse, co voto a favor dos membros do Consello da nova sociedade.
Rodríguez Rumbo advertiu que “queremos pensar que todo isto seguiu escrupulosamente os procedementos legais garantindo a transparencia e a xestión dos cartos públicos da forma que se esixe no noso ordenamento xurídico, pero todo indica que non”.
De ser así, dixo, “estamos a falar de algo moi grave porque están a xogar cos cartos de todos os galegos e galegas”. Polo tanto, esixiulle de novo á conselleira de Economía, María Jesus Lorenzana, que “dé explicacións sobre todo o proceso” e diga claramente “que é o que agochan baixo esta empresa”.
Falla de claridade nas respostas
A parlamentaria socialista criticou que no goberno galego “non se poñen dacordo nas respostas e ademais non facilitan a documentación”, logo de que a conselleira en primeiro lugar dixera que ía ser unha sociedade pública. A partir de aí pasaron a definila como unha sociedade mixta, e polo tanto de orixe pública, e o último foi que era unha “utility”, un concepto anglosaxón que non existe no ordenamento xurídico español, co que queren disfrazar o que é unha privatización encuberta.
Lembrou que RdG nace da Sociedade Impulsa Galicia -na que a Xunta ten o 48,02 por cento do capital e o 50 por cento dos votos- como socia única, pero co pretendido amparo dunha lei que non existe. A continuación, mentres a conselleira afirmaba que era unha empresa allea ao sector público, a Xunta inxectou 4,5 millóns de euros na sociedade e estableceu a sede no Igape en San Lázaro. “todo iso cheira mal”.
A continuación, continuou a parlamentaria, o pasado 23 de novembro autorizaron a compra do 30 por cento da ampliación de capital aprobada pola empresa, o que supón outros 15 millóns de euros, e elixiron a un director xeral con “aparentes conflitos de intereses”
Por último, a socialista sinalou ao respecto das empresas que forman parte da Sociedade Recursos de Galicia “entendemos que non son responsables ni coñecedoras desta tramitación tan irregular, senón que son vítimas da forma de xestionar do Goberno do PP”.