Begoña Rodríguez Rumbo tilda de “márketing fiscal” os anuncios do goberno galego e reclama un modelo fiscal alternativo que poña o acento na redistribución das rendas e a cohesión social
O Parlamento aproba a Lei do Patrimonio, que incorpora 6 emendas do Grupo Socialista, adecuando a normativa galega á estatal con 8 anos de retraso
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe o “cinismo” do PP ao anunciar medidas de “maquillaxe fiscal” con rebaixas de impostos que en realidade “benefician aos que máis teñen sen atender aos que máis o precisan”. A responsable socialista presentou unha moción no Pleno do Parlamento na que defendeu un modelo fiscal alternativo que incida na redistribución real da renda e a cohesión social, pero que foi rexeitada polo PP.
Rodríguez Rumbo criticou que a Xunta veña de consolidar a rebaixa do imposto do Patrimonio aos máis ricos nos novos orzamentos, que supón 34 millóns de euros adicionais para os 8.500 galegos e galegas máis ricos, o 0,3 por cento da poboación que acumulan o 83 por cento do PIB galego. Mentres, o 99,7 por cento do resto da poboación, incluíndo os 636.000 galegos e galegas en risco de pobreza ou exclusión social, “só reciben publicidade e propaganda”.
Afeoulle que “teñan a desfachatez” de negarse a recuperar os libros de texto gratuítos no ensino obrigatorio criticando que “vai contra a xustiza social” mentres equiparan as deducións fiscais das familias con 2 fillos ás familias numerosas con 250 euros anuais de forma lineal. Advertiu ademais que anuncian unha dedución fiscal parcial para coches de segunda man cando suprimen o imposto de transmisións para os vehículos de luxo eléctricos, híbridos enchufables e de hidróxeno.
En definitiva, dixo, o goberno galego “consolida rebaixas fiscais para os máis ricos mentres renuncia a aplicar medidas que impacten realmente no benestar das familias”, deixando a Galicia como a quinta comunidade autónoma que menos incrementou o orzamento en política social dende o ano 2009.
A parlamentaria socialista presentou hoxe unha proposta con 9 eixos para conformar un modelo fiscal alternativo dentro do proxecto de país socialista dirixido “á Galicia real”, que aposte pola transición ecolóxica e dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade entre homes e mulleres. Reivindicou unha fiscalidade progresiva como eixo dun novo modelo fiscal que garanta a redistribución da riqueza.
Reclamoulle ao goberno galego que convoque unha mesa de traballo cos axentes económicos e sociais e os grupos parlamentarios para acordar esta nova política fiscal, ademais de establecer obxectivos e indicadores de cumprimento para coñecer o impacto real dos incentivos fiscais que está a ser aplicados.
Os socialistas galegos reclaman a supresión das bonificacións do imposto do Patrimonio e recuperar de forma inmediata a tarxeta básica para a adquisición de produtos básicos. Ademais, propoñen un plan de actuación contra a pobreza e a exclusión social con orzamentos, prazos e medidas concretas, ademais de executar a totalidade das contías destinadas ás políticas de vivenda, emprego e loita contra a pobreza.
Lei de Patrimonio
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, interveu no debate do proxecto de Lei do Patrimonio, que chega con 8 anos de retraso para adecuar a normativa galega á estatal que regula o réxime xurídico dos bens titularidade da Xunta e das entidades instrumentais. Os socialistas galegos apoiaron esta norma que incorporou 4 emendas por este Grupo Parlamentario, ademais de dúas transaccións, que “melloran bastante o texto remitido polo goberno galego”.
Rodríguez Rumbo explicou que precisamente grazas a unha das emendas presentadas polo Grupo Socialista a norma puido salvar o risco de inconstitucionalidade a través de dous artigos do texto orixinal enviado polo goberno galego, tal e como advertiran os servizos xurídicos do Parlamento.
Explicou que o Grupo Socialista presentara un total de 27 emendas a este texto reclamando medidas antifraude e maior transparencia e reclamándolle á Xunta que asumira os custes cando tivera que entregarlle a adscrición a favor dos concellos.